luns, 23 de maio de 2016

Actividades alternativas á reválida de 3º

Despois de solicitar ao Concello a organización de actividades lúdicas dirixidas ao alumnado de 3º de primaria para os días 24 e 25 de maio en horario de mañá, para aquelas familias que non queiran participar na reválida e teñan complicada a conciliación laboral/familiar INFORMAMOS que a Concellería de Ensino, P.C. e Rexime Interior habilitará instalacións municipais a fin de realizar as actividades que se reflexan no cadro entre as 9 e 14:30 h.

Requírese a inscrición previa no teléfono 673.794.880.


martes, 10 de maio de 2016

Actividades alternativas á reválida de 6º

Despois de solicitar ao Concello a organización de actividades lúdicas dirixidas ao alumnado de 6º de primaria para os días 11, 12 e 13 de maio en horario de mañá, para aquelas familias que non queiran participar na reválida e teñan complicada a conciliación laboral/familiar INFORMAMOS que a Concellería de Ensino, P.C. e Rexime Interior habilitará instalacións municipais a fin de realizar as actividades que se reflexan no cadro entre as 9 e 14:30 h.

Requírese a inscrición previa no teléfono 673.794.880.
 
 

mércores, 27 de abril de 2016

A ANPA TEA REXEITA A LOMCE E AS SÚAS REVÁLIDAS DE 3º E 6º DE PRIMARIA


Os días 11, 12 e 13 de maio se realizarán no noso centro as probas de avaliación instauradas pola LOMCE para 6º de primaria, e os días 24 e 25 do mesmo mes, serán as de 3º de primaria. Estas probas serán individualizadas e terán resultados específicos para cada alumno e alumna. 

As probas de 3º avaliarán o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades do alumnado en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática. O profesorado que lles aplique as probas non poderá ser de lingua -galega ou castelá- nin de matemáticas. Por outra banda, o profesorado que corrixa as probas aínda que si será de lingua e matemáticas, non poderá ser o habitual do alumnado de 3º. 

As probas de 6º avaliarán a comunicación lingüística (castelán, inglés, galego) a competencia matemática e as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía. Serán aplicadas e corrixidas por profesorado que non imparta clases a este alumnado.

É o Goberno do Estado quen establece os criterios de avaliación e as características xerais das probas para todo o sistema educativo español e expresará os resultados das probas en niveis. Cada alumno e alumna terá un nivel que constará nun informe que se facilitará -entre outros- ao centro no que curse o seguinte curso escolar. Este nivel etiqueta aos nosos fillos e fillas obviando o traballo e esforzo acadados durante este curso e todos os anteriores.

A ANPA Tea rexeita estas avaliacións por non estar adaptadas á realidade de cada centro e de cada alumno e alumna, por ser claramente clasistas e elitistas, por pretender peneirar ao alumnado socialmente desfavorecido, por ser antipedagóxicas e someter ás nenas e nenos a un estrés innecesario para a súa aprendizaxe e formación. 

En Euskadi, Navarra, Canarias, Castilla-La Mancha, Asturias, Aragón e Cantabria son os propios gobernos autonómicos os que non levarán a cabo as probas, a Comunidade Valenciana e Extremadura fixeron un recurso ao Tribunal Supremo. A principios de abril, a maioría do Congreso votaba a favor da paralización da implantación da LOMCE. En Galicia, as confederacións de ANPAS chaman ao boicot destas probas.

Por todo isto, animamos ás familias a que eviten e rexeiten estas probas non enviando as súas fillas e fillos a clase durante os días das reválidas. O alumnado non perderá materia xa que eses días somentes se adicarán exclusivamente ás probas. Non nos gusta promover o absentismo escolar, mais este é o único xeito de evitarlles a reválida, xa que o profesorado está obrigado a facerlla se están na aula. Cun xustificante de ausencia asinado pola nai, pai ou titor/a é máis que suficiente.

Por outra banda, sabemos a dificultade dalgunhas persoas para conciliar o traballo con estas xornadas, pero cun chisco de vontade e organización entre familias pódese solucionar. As persoas que poidades quedar cos cativos, organizádevos coas que non poden. Formade parte do futuro dos vosos fillos e fillas en todos os aspectos.

Poñemos a vosa disposición o xustificante de ausencia que recomendamos.

xoves, 14 de abril de 2016

APROBASE O REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO



Este borrador foi aprobado en Asemblea Xeral de familias asociadas o pasado martes 12 de abril. As familias asociadas tiveron a posibilidade de participar no mesmo nun proceso de emendas que posteriormente se debateron na asemblea xeral.

Debatéronse temas tan importantes como os votos delegados, a dispoñibilidade da Xunta Directiva ou a confidencialidade dos datos internos. Tras a súa aprobación, o regulamento será redactado incluíndo as emendas aprobadas e en breve poráse a disposición pública. 
Máis información AQUÍ.

REGULAMENTO RÉXIME INTERNO

luns, 11 de abril de 2016

DÍA DA ÁRBORE NO CEIP FERMÍN BOUZA BREY



O pasado venres 8 de abril, o alumnado do CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas celebrou o Día da Árbore plantando unha por curso nos xardíns do centro.

Este evento, organizado pola ANPA Tea, contou coa colaboración do Servizo Forestal do Condado - Paradanta, que acudiu a ensinarlles ás rapazas e rapaces da escola como se planta unha árbore e darlles unha charla sobre o entorno e como coidalo.

A directiva da ANPA, mercou sete árbores -unha por cada curso de primaria máis outra para educación infantil- que tiñan que cumprir algunhas das seguintes características: ser unha árbore autóctona, froiteira e dar o froito durante a tempada escolar. Estas condicións son necesarias para que a rapazada non se quede só na plantación, senón que tamén poida seguir os pasos do crecemento da súa árbore a medida que van estudando na aula o proceso, e por suposto, que recollan e saboreen o froito do que coidaron. Así, os cativos e cativas de educación infantil posúen xa unha arandeira, o alumnado de primeiro ten un mandarineiro, o de segundo unha ameixeira, o de terceiro unha amendoeira, o de cuarto unha maceira Urraca, o de quinto unha maceira Tabardilla e o de sexto unha pereira común. Logo da plantación, cada grupo gozou dunha interesante charla sobre os nosos bosques adaptada a cada marxe de idade.

Hai que ter en conta que cada grupo conta cun número de entre 55 e 88 alumnos/as, co que resulta complicado organizar calquera actividade neste centro, pero contamos cun alumnado que se comporta de xeito inmellorable e iso facilita moito esta labor. Por este motivo -o elevado número de alumnado- e porque contamos cun espazo limitado, soamente contamos cunha árbore por curso.

A ANPA Tea agradece a colaboración de Fontán Plant de Covelo, que asesorounos e regalounos unha das árbores; ao Distrito Forestal XVII e máis concretamente a Pablo, Rafa, Berto e Mario, que gañáronse á rapazada ensinándolles a plantalas, e a José e Laura pola interesante charla; e ao profesorado do centro por estar sempre disposto a participar destas actividades.

xoves, 18 de febreiro de 2016

Borrador de Regulamento de Réxime Interno

Neste curso 2015/2016 a directiva da ANPA Tea confeccionou un borrador de Regulamento de Réxime Interno. Que é isto?

O Regulamento de Réxime Interno é unha norma complementaria dos Estatutos, que vén ampliar, ou complementar a estes en materias non especificadas nos mesmos ou que especificadas, non teñen un desenvolvemento suficientemente amplo. Como tal norma de desenvolvemento, en ningún caso poderá o seu contido ser contrario ao contido estatutario. A existencia deste Regulamento de Réxime Interno non é obrigatoria, pero si conveniente, especialmente naqueles casos en que a redacción estatutaria está rexida por un criterio minimalista.

A vantaxe da súa existencia é que non é obrigatoria a súa inscrición no Rexistro de Asociacións. Habitualmente este documento vén regular, detalladamente, as reunións dos órganos da asociación, o réxime disciplinario e, en xeral, materias que nos Estatutos figuran dun modo superficial.

Este borrador debe ser aprobado en Asemblea Xeral de familias asociadas, pero antes dende a Xunta Directiva damos a posibilidade de participar no mesmo. Para isto, abrimos dende hoxe un prazo de emendas para que todas as familias asociadas poidan tomar parte neste regulamento. Achegamos o borrador coas liñas numeradas e un formulario de emendas para tal fin que podedes cubrir cos datos, as vosas emendas (unha por formulario) de engadido, eliminación ou substitución, a liña a emendar e a argumentación para facer esta emenda. Isto é moi importante, xa que axudará a que se aprobe ou rexeite a emenda.

O prazo de recepción de emendas será de 15 días a partir de hoxe. Podedes deixalas ben cumprimentadas na nosa caixa de correo. Non teremos en conta aquelas emendas que non cheguen en prazo, non veñan no formulario que proporcionamos, non estean ben cubertas ou lles falten datos.

Posteriormente, celebraráse unha Asemblea Xeral de Familias Asociadas para debater e acordar as emendas entre todas.