venres, 21 de decembro de 2012

Premios concurso de debuxo "O mellor do Nadal"

A ANPA Tea entregou na festa de Nadal dos días 19 e 20 de decembro, os premios aos gañadores e gañadoras do concurso de debuxo "O mellor do Nadal".

1º CICLO

4º premio: xogo didáctico SUMAS E RESTAS
BRAIS BARROS ALFONSO (1ºB)

3º premio: xogo didáctico LECTRÓN ESPAÑA
JANET GÓMEZ BARROS (2ºD)
 
2º premio: xogo didáctico TETRIS BLOCKS
 CLAUDIA PORTO FERNÁNDEZ (1º C)

1º premio: xogo de mesa PARTY DISNEY
PAULA RICÓN CARBALLIDO (2º A)

2º CICLO

4º premio: xogo de mesa SKETCHY
MOISÉS GARCÍA LORENZO (4º A)

3º premio: xogo didáctico CONECTOR XEOGRAFÍA
LARA RODRÍGUEZ LASO (4º A)

2º premio: CRISTALCEFA
ALBA CASTRO GROBA (4º C)

1º premio: xogo Educa Touch PLANETA TERRA


IRIA GONZÁLEZ COVELO (3º C)
 
3º CICLO

4º premio: xogo de mesa RUMMY
LUIS DOMÍNGUEZ DOMÍNGUEZ (6º B)

3º premio: MP3
CRISTIAN SOUSA VIDAL (5º D)

2º premio: MP5
ALAI MERINO ECHAVE (6º C)

1º premio: TABLET
LAURA COLLAZO SOUTELO (6º B)


O noso agradecemento ao xurado formado por: Gloria, Beatriz, Elena, Yolanda e Eva.

martes, 18 de decembro de 2012

Remata a campaña "Turrón para tod@s"


O derradeiro 26 de novembro, a Asociación de Nais e Pais Tea, comezou unha campaña de recollida de doces de nadal en colaboración co Centro de Servizos Sociais de Ponteareas. Recolléronse doces no CEIP Fermín Bouza Brey durante oito días baixo o lema "Turrón para tod@s".
A campaña tivo unha gran acollida e o día 17 de decembro se entregaron no local de Servizos Sociais.
A ANPA Tea agradece a solidariedade mostrada polos cativos e os seus pais e nais nestes tempos de necesidade.
Entrega de doces no Centro de Servizos Sociais

Grazas e felices festas.

mércores, 5 de decembro de 2012

Xornada Estatal de Loita 13D


A FANPO (Federación de ANPAs de Centros de Ensino Públicos de Ponteareas) considera que a gravísima situación actual demanda unha resposta contundente da Comunidade Educativa. Estamos ante un ataque sen precedentes aos dereitos do alumnado e das familias, con recortes salvaxes na educación pública que, no contexto actual, agrávanse pola coincidencia con outras medidas igualmente inaceptables.

Arrincamos un curso escolar que superou con fartura os peores prognósticos e chegou o momento de que alumnos e alumnas, nais e pais, ademais de seguir realizando mobilizacións conxuntas co resto da Comunidade Educativa, elevemos as nosas voces para dicirlle ao Goberno Central, e ao Autonómico que seguimos a nosa senda, que chegamos ao momento de non retorno e que non estamos dispostos a tolerar nin unha soa medida de retroceso máis.

O alumnado e as súas familias están soportando recortes en todas as partidas, que non fan outra cousa que castigar as xa maltreitas economías familiares, abocando ao abandono educativo a moitos alumnos e alumnas por cuestións económicas. É intolerable e debemos cambiar radicalmente as medidas que se están a tomar.

Sobran os motivos, pero queremos resaltar especialmente que o alumnado e as familias mobilizámonos conxuntamente porque:

  • Non aceptamos un novo cambio de Lei educativa. A sociedade está cansada de que cada novo Goberno se empeñe en modificar a lexislación educativa, máxime se, como ocorre agora, faise sen contar cos diferentes sectores buscando cambiar o actual modelo social e satisfacer consignas ideolóxicas.
  • Non aceptamos que se nos minta para xustificar unha reforma do sistema educativo terxiversando datos e facendo xuízos de valor que non están baseados en datos fiables e contrastados.
  • Non aceptamos que se desmantele a educación pública para beneficio exclusivo da iniciativa privada, desviando os fondos públicos para financiar entidades privadas, moitas de dubidosa legalidade, que ata se atreven a vulnerar a Constitución coa conivencia de quen deberían cumprir e facer cumprir o marco legal vixente.
  • Non aceptamos que haxa nenos e nenas que pasen fame nos centros educativos, máxime tendo en conta que contribuíu a iso que determinados responsables políticos decidan retirar as axudas ás súas familias xusto cando en tan só dous anos a cifra de pobreza infantil en España creceu un 10%, incremento que é consecuencia do acoso e derriba ao que están sometidos os dereitos de tódolos cidadáns.
  • Non aceptamos que se eliminen todo tipo de axudas ao alumnado e as familias, incrementándose e mesmo creando novas taxas, incumprindo o mandato constitucional da gratuidade do ensino e o dereito de acceso en igualdade de condicións, chegando a ser habitual que os nenos non dispoñan dos libros de texto e o material curricular necesario para exercer o seu dereito ó ensino.
  • Non aceptamos que os irresponsables políticos que nos gobernan sigan insultando ao profesorado, que goza do noso respaldo e do alumnado co que conviven diariamente, nun ataque sen precedentes á figura do funcionario público e dos interinos, aos que se trata en ámbolos casos coma se fosen bonecos de feira, co único obxectivo de pór a educación en mans da empresa privada e, con iso, de precarizar a profesión docente.
  • Non aceptamos que o Goberno central, e o autonómico que secunda as súas directrices con alegría, sigan desprezando á comunidade educativa, o que demostran coas súas actuacións e coas súas manifestacións públicas. Esquécense de que son os nosos servidores e non os nosos ditadores.
  • Non aceptamos que haxa centros públicos ou concertados que impartan a escolarización completa somentes en castelán nin que o Estado pague con fondos públicos a escolarización en centros privados daqueles alumnos que queiran recibir educación en español. Este borrador é unha ofensiva contra o galego que deixa a lingua propia como residual no ensino.
  • Non aceptamos que se rescate unha alternativa para a materia de Relixión, cedendo así ás reivindicacións da Conferencia Episcopal, que pretende evitar que moitos alumnos fuxan da materia. O borrador sinala que entre as materias específicas os alumnos de primaria deberán cursar ou ben Relixión ou ben Valores Culturais e Sociais, a elección dos pais ou titores. No caso de secundaria, a alternativa será entre Relixión e Valores Éticos. Na actualidade, a relixión é unha materia de oferta obrigatoria por parte dos centros e voluntaria para o alumno.
En definitiva, o alumnado e as familias dicimos "ata aquí chegamos", e esiximos:
  1. O cesamento fulminante do Ministro Wert e de todo o seu equipo.
  2. A retirada inmediata do inaceptable anteproxecto de reforma da LOE.
  3. A paralización inmediata de todas as medidas de recorte e desmantelamento do ensino público.
  4. E a apertura, cun novo equipo ministerial, dun proceso real de diálogo cos diferentes sectores da Comunidade Educativa para buscar, entre todos, o consenso necesario para mellorar, de verdade, o ensino público.
Deste xeito, convocamos ás familias e ao alumnado de Ponteareas e a súa Comarca a sumarse á concentración de protesta que convoca a FANPO o vindeiro 13 de decembro, ás 19.00 horas diante do Concello de Ponteareas, a fin de que masivamente fagamos unha protesta firme ante a situación que atravesa o noso sistema de ensino público.

Facemos un chamamento especial ás familias para que acudan sen ningunha vacilación a fin de reclamar e defender os dereitos do alumnado actual e futuro.

Asemade cada ANPA convocará á súa comunidade educativa (pais/nais, alumnado e profesorado), a fin de realizar protestas ou mobilizacións diante dos Centros Educativos o mesmo día 13 de decembro ás 12.00 horas.

Chegou o momento de que transmitamos unha mensaxe clara de que estas medidas chegaron ata o límite e que non estamos dispostos a que sigan por ese camiño.