Amosando publicacións coa etiqueta Entroido. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Entroido. Amosar todas as publicacións

luns, 1 de febreiro de 2016

Festa de ENTROIDO da ANPA Tea!



Para infantil e primaria dos centros públicos de Ponteareas. Alumnado asociado de balde! O resto só un euro. Haberá postres de entroido.
MENORES ACOMPAÑADXS DE UN/HA ADULTO/A.
 
8 de febreiro de 2016 de 18:00 a 20:00 no Centro Artístico Sportivo. Agardámoste!

martes, 9 de setembro de 2014

COMUNICADO Á DIRECTIVA DA FANPO E A TODOS OS MEMBROS DAS ANPAs QUE A CONFORMAN

A directiva da ANPA Tea informa, mediante o presente comunicado, a súa baixa na Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as de Centros de Ensino Público das comarcas Condado-Paradanta e Louriña. Esta decisión comunícase de acordo aos seguintes puntos: 
  • e)/art.3º/cap.1 dos estatutos de dita federación que di: “A admisión ou separación de cada ANPA é libre e voluntaria”.
  • a)/art.12º/cap.II que di que a condición de asociado pérdese: “Por vontade da ANPA asociada, por medio de acordo adoptado de conformidade os seus estatutos e comunicado formalmente”.
Os motivos da nosa baixa son varios, pero quizais o máis importante é o que xa notificamos na Asemblea Extraordinaria da FANPO do 25/03/2014 e que consideramos innegociable: a petición de rectificación ao partido político BNG por atribuírse publicamente no seu voceiro a iniciativa presentada pola federación no Consello Escolar Municipal e levada a pleno por este último o 19/11/2013 na que se insta ao Goberno Municipal a atender nos comedores escolares a todo o alumnado en risco de exclusión social.

Todo isto sumado á descarada defensa de intereses nacionalistas en prexuízo dos que non o son. Lembremos que esta federación pertence a dúas Plataformas en defensa do Ensino Público pero que soamente se tratan iniciativas da plataforma nacionalista e non se teñen en conta as da Marea Verde, como por exemplo a da resolución aos Consellos Escolares para o mantemento dos libros de texto, presentada por nós e ignorada polo resto da directiva da federación para logo asumir a mesma iniciativa pero, desta vez, en clave nacionalista; ou a proposta de Banco de Libros da Marea Verde, tamén ignorada pola directiva desta federación. Así mesmo promóvense as reivindicacións e mobilizacións dos sindicatos nacionalistas e anímase ás ANPAs a acudir só a estes eventos.

Polo tanto, nesta ANPA estamos de acordo que a federación incumpre os seguintes puntos dos seus estatutos:
  • f)/art.3º/cap.1: “Ningún asociado nin directivo pode utilizar a federación en defensa de intereses particulares e persoais ou con fins partidistas”.
  • g)/art.3º/cap.1: “É independente de calquera partido político”.
Tamén temos que facer constar que non nos sentimos representadas polo presidente desta federación, xa que reiteradamente e en público asume argumentos contrarios aos acordos acadados polas asembleas. Consideramos isto un erro indiscutible, xa que participa con estes argumentos falaces no Consello Escolar Municipal, nas xuntanzas de Anpas Galegas ou en entrevistas co alcalde e concelleiros, todos eles organismos de gran importancia para que se escoiten os verdadeiros acordos que toma esta federación.

Así mesmo queremos denunciar a censura á que é sometida esta ANPA dende a data da asemblea citada anteriormente na que exposmos as nosas queixas. A nosa ANPA era a encargada do grupo de correo. Sen acordo asembleario e sen avisar, se nos quitou esta responsabilidade, o sabemos porque comprobamos que de administradoras pasamos a non poder entrar na páxina web do citado grupo. Os correos que enviamos ao grupo se publican con días de atraso ou non se publican. Pedimos explicacións en varias ocasións e por diversas canles e unhas veces ignoróusenos e outras aseguráronnos que se descoñecía o problema pero que se arranxaría. Nunca se fixo. Nós, pola nosa conta, solicitamos axuda a Google, empresa que oferta este formato de correo, e respondeunos que probablemente estabamos sendo moderadas no grupo, e dicir, a persoa que administra o grupo decide se publica ou non as nosas mensaxes. De feito, “perdéronse” as mensaxes nas que falabamos da charla de Nutrición, logo rexeitada pola directiva coa alegación de que non tiñan novas nosas respecto a ese tema.

En conclusión, estamos cansas de loitar por facernos un oco na federación, queremos empregar todas as nosas forzas en seguir loitando pola educación pública e sentimos que perdemos o tempo en mil e unha cousas que non chegan a nada, non nos sentimos representadas polo afán recadatorio que vemos nas festas e que contradí o noso espírito de solidariedade cos nenos e nenas de menos recursos, non nos gusta a competitividade que se fomenta contra a ANPA Pena do Equilibrio porque non está na federación. Unidade é participación sen perder a identidade. No momento que unha ANPA corre o risco de perder a súa identidade, cando os intereses duns poucos deciden por todos, cando nos sentimos manipuladas é hora de marchar.

Desde este instante, deixamos nas vosas mans as responsabilidades que tiñamos: a representación na Comisión de Escolarización e no Consello Escolar Municipal; e a de manter o blog e as redes sociais. Sentímonos orgullosas de ter participado tan activamente.

Animamos a todos os membros das ANPAs que conforman a federación a que tomen o control e non se deixen facer, que defendan as súas posturas nas asembleas e a que levanten a man cando non estean de acordo.

Pola nosa parte, desexámosvos moita sorte e seguiremos participando en todo aquilo que teñades a ben e nos pareza xusto e limpo. E seguiremos decidíndoo todas xuntas.

mércores, 27 de agosto de 2014

Calendario Escolar 2014/2015

 
No 2º ciclo de educación infantil, na educación especial e na educación primaria, a impartición efectiva de clases realizarase do día 10 de setembro de 2014 ao 19 de xuño de 2015, ambos inclusive.

Períodos de vacacións
  • Nadal: desde o día 22 de decembro de 2014 ata o día 7 de xaneiro de 2015, ambos inclusive.
  • Entroido: días 16, 17 e 18 de febreiro de 2015.
  • Semana Santa: desde o día 30 de marzo ata o 6 de abril de 2015, ambos inclusive.
Conmemoracións

1.-Durante o curso escolar celebraranse, como mínimo, as seguintes conmemoracións:
  • 25 de novembro de 2014: Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
  • Do 1 ao 11 de decembro de 2014: *conmemoración da Constitución e do Estatuto de Autonomía de Galicia.
  • 10 de decembro de 2014: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
  • 30 de xaneiro de 2015: Día Escolar da Non Violencia e a Paz.
  • 8 de marzo de 2015: Día Internacional da Muller Traballadora.
  • 15 de marzo de 2015: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.
  • Do 9 ao 13 de marzo de 2015: Semana da Prensa. Un día desta semana traballarase no aula con xornais.
  • Entre o 13 e o 30 de abril de 2015: Día do Libro.
  • 7 de abril de 2015: Día Mundial da Saúde.
  • 9 de maio de 2015: Día de Europa.
  • Do 7 ao 17 de maio de 2015: Semana das Letras Galegas.
  • 5 de xuño de 2015: Día Mundial do Medio Ambiente.
2.-De conformidade co establecido no artigo 26.2 da Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia (DOG de 25 de abril), para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual, os centros docentes sostidos con fondos públicos poderán realizar actividades específicas próximas ás datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo do dereito destas persoas.

3.-Cando algunha das datas a que se refiren os puntos anteriores sexa sábado, domingo, festividade local ou estea incluída nalgún dos períodos de vacacións establecidos no artigo 6 desta orde, a correspondente conmemoración celebrarase o día lectivo inmediatamente anterior ou posterior segundo estableza a programación xeral anual.

4. As datas ás que se refiren os puntos 1 e 2 son lectivas para todos os efectos e nelas os centros deberán organizar actividades diversas, tendentes a destacar a importancia das referidas conmemoracións.
 
Máis información: DOG nº 120

martes, 18 de marzo de 2014

Información sobre o pasado Festival de Entroido

Como sabedes, o derradeiro día 28 de febreiro, celebrouse o festival de Entroido no CEIP Fermín Bouza Brey. Ante a inestabilidade do tempo, foi cancelada unha das catro actividades complementarias previstas para ese día: o desfile.

Ante o manifesto malestar dalgúns pais e nais, queremos informar dos seguintes puntos:
  1. O equipo de coordinación organiza os festivais en función da climatoloxía.
  2. O noso centro, é o único da vila sen patio cuberto e está nos primeiros postos de toda Galicia en número de alumnos/as, tal como esta ANPA leva denunciando dende vai tempo.
  3. A decisión de cancelar o desfile foi tomada dende un nivel pedagóxico, de seguridade e salubridade, tendo sempre como único interese o benestar dos cativos.
  4. O desfile estaba previsto para as 12 da mañá e avisouse as 11 da súa cancelación ás familias que esperaban na porta, ás que chamaron por teléfono e tamén mediante un cartel.
  5. O festival non é para as familias, estas son invitadas. O festival é para o alumnado.
  6. As reclamacións, suxestións ou calquera outra consideración que os pais e nais queiran facer, teñen que seguir os canles adecuados: a través da ANPA ou de dirección.
  7. O equipo de coordinación vai revisar a política de participación das familias como consecuencia do comportamento inadecuado dalgúns pais e nais.
Para rematar, queremos que teñades en conta que cando as familias entran no centro, non se lles pide documentación. Nunca podemos estar seguros de quen é quen. Imaxinade a un delincuente accedendo libremente aos vosos fillos e fillas. Iso é o que se tenta evitar.

Por outra banda, lembrade que nós estamos aquí para representarvos, para informar e para solucionar os problemas da mellor forma posible.

xoves, 20 de febreiro de 2014

Entroido 2014


Estimadas familias:
 
Como membros da FANPO, estamos a organizar a Festa de Entroido para o alumnado de infantil e primaria da nosa Comarca que se celebrará o vindeiro venres, 28 de febreiro de 2014, ás 17:00 no Pavillón “Álvaro Pino” de Ponteareas.

Nesta ocasión, e debido á crise actual que nos rodea, gustaríanos agasallar ao alumnado asistente á festa cunha merenda solidaria. Para conseguir este obxectivo necesitamos a colaboración de todos aqueles pais e nais que queiran participar coa elaboración de doces caseiros de Entroido, que nesa tarde compartiremos cos nosos fillos e fillas.

Todas aquelas persoas que desexedes colaborar, podedes aportar o voso doce de Entroido o día 28 de febreiro, antes do comezo da Festa no Pavillón, a calquera membro da organización (aprox. 16:30).
 

venres, 8 de febreiro de 2013

A ANPA TEA CELEBRA O ÉXITO DO SEU PROXECTO SOCIAL “LECTURA SOLIDARIA”

 
NESTA XORNADA DE ENTROIDO TAMÉN REIVINDICARON A URXENCIA DA REFORMA INTEGRAL DO CEIP FERMÍN BOUZA BREY

Na xornada festiva de hoxe, membros da ANPA Tea do CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas, comezaron o proxecto social “Lectura Solidaria” onde venden a prezos populares (1 e 2 euros), libros donados polas nais e pais do alumnado. Os cartos recadados serán destinados ao pago da excursión de fin de curso daqueles nenos e nenas cuias familias estén pasando por dificultades económicas.

O éxito foi abrumador, polo que non se descarta que haxa diñeiro dabondo para outras necesidades, como libros de texto ou material escolar.
Este proxecto terá continuidade mentres haxa persoas solidarias que donen e merquen libros, quedando o posto de venda no edificio de administración do centro.

Este non é o único proxecto social e solidario levado a cabo pola ANPA Tea, que colabora co Centro de Servizos Sociais da vila para que os cativos non sufran tan duramente os efectos devastadores das políticas discriminatorias que se están levando a cabo nestes últimos anos.
 

Asímesmo, a ANPA Tea ao tempo que realizaba este traballo, reivindicaba cos seus disfraces a urxencia da reforma integral tan prometida pola Xunta no seu momento e tan esquecida agora.
 

xoves, 7 de febreiro de 2013

sábado, 25 de abril de 2009

O CONCELLO DE PONTEAREAS NON PAGA O QUE PROMETEU ÁS COMPARSAS DO C.E.I.P. FERMÍN BOUZA BREY QUE PARTICIPARON NO ENTROIDO 2009

O Concello de Ponteareas débelle ás comparsas do C.E.I.P. Fermín Bouza Brey a cantidade de 200 €, por participar no Entroido 2009 da vila.

Na páxina web do Concello do día 16 de Febreiro, pódese ler: “As bases do concurso establecen que cada comparsa – que deberá contar cun mínimo de 20 membros– recibirá do Concello unha axuda económica de 100,00 €.”

Os rapaces e rapazas que o día 22 de Febreiro formaron parte destas dúas comparsas da escola, inscribíronse no Concello e coa axuda dos seus profesores e pais, deseñaron e fixeron os disfraces, desfilaron e cantaron as súas coplas no escenario da Praza Maior; e todo isto coa ilusión de recibir eses cartos para empregalos na excursión de Fin de Curso.

Logo de máis de dous meses, aínda eses cartos non foron recibidos polos responsables das comparsas. Neste tempo, tanto os organizadores coma a directiva do A.N.P.A., lembráronlle en varias ocasións ó Concello a necesidade dos cartos ante a inminente excursión, pero o único que recibiron a cambio, foi sempre a mesma mentira: “mañá o ingresamos”, “ó vindeiro luns o ingresamos”, “non vos preocupedes que en dous días tédelo na conta”. Incluso recibiron estas palabras de boca da mesma Nava Castro.

Na mesma páxina web do Concello pero no día 25 de Febreiro sinalan “que tódalas comparsas recibiron 200 euros en concepto de participación e o Concelleiro de Cultura valorou como un autentico éxito a participación e comprometeuse a que a súa concellería porá a disposición dos participantes mellores premios en próximas edicións.”, e no día 27 este mesmo conselleiro, Andrés Sampedro, engadiu que seguirá traballando “de cara a incentivar, aínda máis, a participación de asociacións e colectivos nesta festa tradicional”.

A A.N.P.A. do Bouza Brey considera unha grave falta de respeto o engano ó que son sometidos os alumnos participantes deste evento e reitera a súa petición ó Concello de que cumpla coas bases do concurso que eles mesmos impuxeron.

luns, 2 de marzo de 2009

A festa do Entroido.

Dende a A.N.P.A. do Fermín Bouza Brey queremos agradecer a todos os pais e nais que botaron unha man na organización e posta a punto da festa do Entroido 2009. Co seu traballo voluntario, o noso cometido resultou máis estimulante e sinxelo.

Os difraces foron realmente orixinais e o desfile transcurríu de forma moi ordenada e vistosa.


A degustación de postres de Entroido foi un éxito, e os nenos e nenas divertíronse moito.

Debido a gran cantidade de platos doces, e co acordo da dirección da escola, a comida sobrante trasladámola á festa que se celebrou pola tarde na discoteca "O outro mundo do Tea", organizada pola F.A.M.P.O. e que se desarrollou, como cada ano, dende as 5 da tarde ata as 9 da noite cunha gran acollida .

A A.N.P.A. colaborou coa metade do coste do novo equipo de sonido estreado nesta celebración, así como igualmente costeou a escalera do escenario, que foi utilizada en festas anteriores.