Amosando publicacións coa etiqueta Reválida 3º. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Reválida 3º. Amosar todas as publicacións

luns, 23 de maio de 2016

Actividades alternativas á reválida de 3º

Despois de solicitar ao Concello a organización de actividades lúdicas dirixidas ao alumnado de 3º de primaria para os días 24 e 25 de maio en horario de mañá, para aquelas familias que non queiran participar na reválida e teñan complicada a conciliación laboral/familiar INFORMAMOS que a Concellería de Ensino, P.C. e Rexime Interior habilitará instalacións municipais a fin de realizar as actividades que se reflexan no cadro entre as 9 e 14:30 h.

Requírese a inscrición previa no teléfono 673.794.880.


mércores, 27 de abril de 2016

A ANPA TEA REXEITA A LOMCE E AS SÚAS REVÁLIDAS DE 3º E 6º DE PRIMARIA


Os días 11, 12 e 13 de maio se realizarán no noso centro as probas de avaliación instauradas pola LOMCE para 6º de primaria, e os días 24 e 25 do mesmo mes, serán as de 3º de primaria. Estas probas serán individualizadas e terán resultados específicos para cada alumno e alumna. 

As probas de 3º avaliarán o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades do alumnado en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática. O profesorado que lles aplique as probas non poderá ser de lingua -galega ou castelá- nin de matemáticas. Por outra banda, o profesorado que corrixa as probas aínda que si será de lingua e matemáticas, non poderá ser o habitual do alumnado de 3º. 

As probas de 6º avaliarán a comunicación lingüística (castelán, inglés, galego) a competencia matemática e as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía. Serán aplicadas e corrixidas por profesorado que non imparta clases a este alumnado.

É o Goberno do Estado quen establece os criterios de avaliación e as características xerais das probas para todo o sistema educativo español e expresará os resultados das probas en niveis. Cada alumno e alumna terá un nivel que constará nun informe que se facilitará -entre outros- ao centro no que curse o seguinte curso escolar. Este nivel etiqueta aos nosos fillos e fillas obviando o traballo e esforzo acadados durante este curso e todos os anteriores.

A ANPA Tea rexeita estas avaliacións por non estar adaptadas á realidade de cada centro e de cada alumno e alumna, por ser claramente clasistas e elitistas, por pretender peneirar ao alumnado socialmente desfavorecido, por ser antipedagóxicas e someter ás nenas e nenos a un estrés innecesario para a súa aprendizaxe e formación. 

En Euskadi, Navarra, Canarias, Castilla-La Mancha, Asturias, Aragón e Cantabria son os propios gobernos autonómicos os que non levarán a cabo as probas, a Comunidade Valenciana e Extremadura fixeron un recurso ao Tribunal Supremo. A principios de abril, a maioría do Congreso votaba a favor da paralización da implantación da LOMCE. En Galicia, as confederacións de ANPAS chaman ao boicot destas probas.

Por todo isto, animamos ás familias a que eviten e rexeiten estas probas non enviando as súas fillas e fillos a clase durante os días das reválidas. O alumnado non perderá materia xa que eses días somentes se adicarán exclusivamente ás probas. Non nos gusta promover o absentismo escolar, mais este é o único xeito de evitarlles a reválida, xa que o profesorado está obrigado a facerlla se están na aula. Cun xustificante de ausencia asinado pola nai, pai ou titor/a é máis que suficiente.

Por outra banda, sabemos a dificultade dalgunhas persoas para conciliar o traballo con estas xornadas, pero cun chisco de vontade e organización entre familias pódese solucionar. As persoas que poidades quedar cos cativos, organizádevos coas que non poden. Formade parte do futuro dos vosos fillos e fillas en todos os aspectos.

Poñemos a vosa disposición o xustificante de ausencia que recomendamos.

mércores, 20 de maio de 2015

A ANPA Tea esixe información sobre as medidas que se van adoptar respecto dos resultados derivados das probas de terceiro de primaria


A ANPA Tea dúbida do obxectivo real da realización das probas de 3º de Educación Primaria así como da publicación dos resultados.

A LOMCE impón a realización desta proba, cuxos resultados poderían servir para tomar decisións sobre a educación dos nosos fillos e fillas, indicando dunha forma pouco clara que "de resultar desfavorable esta avaliación, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis axeitadas. ".

A ANPA Tea oponse a que unha redacción ambigua na LOMCE na que só fala de "medidas ordinarias ou extraordinarias máis axeitadas" poida supoñer a repetición de curso ou unha nota no expediente do alumnado que condicione o seu futuro dentro do sistema educativo.

A ANPA Tea solicitou información sobre qué medidas se adoptarán e cómo se reflectirá o resultado desta proba no expediente académico do alumnado se este resulta desfavorable.

Estas probas levaránse a cabo no CEIP Fermín Bouza Brey os días 27 e 28 de maio. No caso de que non estés conforme coa realización desta proba, non leves a teu fillo ou filla a clase eses días. Proporcionamos te un xustificante de ausencia revisado e avaliado por un asesor xurídico.