Os días 11, 12 e 13 de maio se realizarán no noso centro as probas de avaliación instauradas pola LOMCE para 6º de primaria, e os días 24 e 25 do mesmo mes, serán as de 3º de primaria. Estas probas serán individualizadas e terán resultados específicos para cada alumno e alumna.
As probas de 3º avaliarán o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades do alumnado en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática. O profesorado que lles aplique as probas non poderá ser de lingua -galega ou castelá- nin de matemáticas. Por outra banda, o profesorado que corrixa as probas aínda que si será de lingua e matemáticas, non poderá ser o habitual do alumnado de 3º.
As probas de 6º avaliarán a comunicación lingüística (castelán, inglés, galego) a competencia matemática e as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía. Serán aplicadas e corrixidas por profesorado que non imparta clases a este alumnado.
É o Goberno do Estado quen establece os criterios de avaliación e as características xerais das probas para todo o sistema educativo español e expresará os resultados das probas en niveis. Cada alumno e alumna terá un nivel que constará nun informe que se facilitará -entre outros- ao centro no que curse o seguinte curso escolar. Este nivel etiqueta aos nosos fillos e fillas obviando o traballo e esforzo acadados durante este curso e todos os anteriores.
A ANPA Tea rexeita estas avaliacións por non estar adaptadas á realidade de cada centro e de cada alumno e alumna, por ser claramente clasistas e elitistas, por pretender peneirar ao alumnado socialmente desfavorecido, por ser antipedagóxicas e someter ás nenas e nenos a un estrés innecesario para a súa aprendizaxe e formación.
En Euskadi, Navarra, Canarias, Castilla-La Mancha, Asturias, Aragón e Cantabria son os propios gobernos autonómicos os que non levarán a cabo as probas, a Comunidade Valenciana e Extremadura fixeron un recurso ao Tribunal Supremo. A principios de abril, a maioría do Congreso votaba a favor da paralización da implantación da LOMCE. En Galicia, as confederacións de ANPAS chaman ao boicot destas probas.
Por todo isto, animamos ás familias a que eviten e rexeiten estas probas non enviando as súas fillas e fillos a clase durante os días das reválidas. O alumnado non perderá materia xa que eses días somentes se adicarán exclusivamente ás probas. Non nos gusta promover o absentismo escolar, mais este é o único xeito de evitarlles a reválida, xa que o profesorado está obrigado a facerlla se están na aula. Cun xustificante de ausencia asinado pola nai, pai ou titor/a é máis que suficiente.
Por outra banda, sabemos a dificultade dalgunhas persoas para conciliar o traballo con estas xornadas, pero cun chisco de vontade e organización entre familias pódese solucionar. As persoas que poidades quedar cos cativos, organizádevos coas que non poden. Formade parte do futuro dos vosos fillos e fillas en todos os aspectos.
Poñemos a vosa disposición o xustificante de ausencia que recomendamos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario