xoves, 30 de outubro de 2014

Consello Escolar

"O Consello Escolar do Estado debe ser o máximo órgano de participación da comunidade educativa". LODE, Artigo 30. Deféndeo participando nos Consellos Escolares e esixe que estes sexan realmente democráticos.

mércores, 15 de outubro de 2014

Asemblea


O vindeiro luns, 3 de novembro, ás 18:30 en primeira convocatoria e ás 19:00 en segunda convocatoria, asemblea ordinaria e extraordinaria. Será no propio centro e exclusivamente para familias asociadas. Se eres destas últimas, recibiras unha circular uns días antes coa orde do día.

martes, 14 de outubro de 2014

Marchas da Dignidade

A ANPA Tea participará nas MARCHAS DA DIGNIDADE, porque o Ensino Público merece que o defendamos, porque a nosa loita HOXE será o futuro dos nosos cativos, porque a EDUCACIÓN é un dereito e non un privilexio. PARTICIPA E DIFUNDE!

Carné de Familia Asociada

Este carné é de mostra, o teu vai a cor.
O carné que recibiches hoxe é para uso e disfrute da túa familia por estar asociada á ANPA Tea.
Con el, terás descontos en varios establecementos da nosa vila. Só tes que presentalo xunto co DNI nas tendas e centros que che enumeramos máis abaixo
e terás beneficios inmediatos nas túas compras e gastos.

Lembra que o carné é válido unicamente para este curso 2014-2015.

Establecementos adheridos e descontos:

  • Tattoo Barbershop (20% en nenos e nenas - 10% en adultos/as)
  • Atmósfera Sport (15%)
  • Polisport (15%)
  • Clínica Dental Dr. C.García Álvarez (25%)
  • Óptica Alemana (10% monturas - 35% lentes - lentes de balde de 0 a 8 anos)
  • Centro de Actividades Silvia Taboada (10%)
  • Librería Casa Pepe (5%)
  • A Escola de Arte (desconto 5€/mes de 3 a 6 anos - desconto de 2€/mes de 7 a 12 anos)
  • Estrada Estilismo (1€ desc. ata 6 anos - 1,50€ desc. ata 12 anos)
  • Tendas Dais (10% en xoguetes de importación)

A ANPA TEA NON SERÁ RESPONSABLE DOS CAMBIOS QUE SE POIDAN PRODUCIR NESTES DESCONTOS. MÁIS INFORMACIÓN NO ESTABLECEMENTO.

xoves, 9 de outubro de 2014

Escola de Nais e Pais


Obradoiro dirixido a pais e nais que queiran asesorarse e informarse sobre distintos aspectos relacionados coa educación dos seus fillos/as: 

  • Como educamos?
  • Como pór limites e normas.
  • Como comunicarnos mellor cos nosos fillos/as.
  • Como mellorar a súa autoestima.
  • Aqueles temas que nos preocupen e/ou interesen.


ORGANIZA:
Departamento de Prevención de Drogodependencias e Trastornos adictivos
Concellería de Servizos Sociais
CONCELLO DE PONTEAREAS
DÍAS: 
venres 7,14,21 e 28 de novembro e 5 de decembro 2014. (5 sesións)
HORARIO: 10:00 A 11:30 horas.
Lugar e inscricións: Centro de Servizos Sociais. Concello de Ponteareas
Teléfono: 986641747 (Psicóloga: Isabel Romero)
DATA LIMITE DE INSCRICIÓN: 31 DE OUTUBRO 2014

mércores, 1 de outubro de 2014

Actividades Extraescolares

A ANPA Tea busca cada ano as mellores atividades en relación calidade/prezo para telas pechadas xa en xuño. 

Aínda así,  cada vez son menos os nenos e nenas que participan das atividades extraescolares non só no noso centro senon en todos os demais, é un problema xeneralizado.

E por isto que sentimos informarvos que as actividades de Inglés, Técnicas de Estudo e Animación á Lectura, Informática e as impartidas por Conforocio, non se realizarán por non chegar a un mínimo de alumnos/as en ningún dos casos.

Para calquera aclaración, non dubidedes en contactar con nós.




martes, 9 de setembro de 2014

COMUNICADO Á DIRECTIVA DA FANPO E A TODOS OS MEMBROS DAS ANPAs QUE A CONFORMAN

A directiva da ANPA Tea informa, mediante o presente comunicado, a súa baixa na Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as de Centros de Ensino Público das comarcas Condado-Paradanta e Louriña. Esta decisión comunícase de acordo aos seguintes puntos: 
  • e)/art.3º/cap.1 dos estatutos de dita federación que di: “A admisión ou separación de cada ANPA é libre e voluntaria”.
  • a)/art.12º/cap.II que di que a condición de asociado pérdese: “Por vontade da ANPA asociada, por medio de acordo adoptado de conformidade os seus estatutos e comunicado formalmente”.
Os motivos da nosa baixa son varios, pero quizais o máis importante é o que xa notificamos na Asemblea Extraordinaria da FANPO do 25/03/2014 e que consideramos innegociable: a petición de rectificación ao partido político BNG por atribuírse publicamente no seu voceiro a iniciativa presentada pola federación no Consello Escolar Municipal e levada a pleno por este último o 19/11/2013 na que se insta ao Goberno Municipal a atender nos comedores escolares a todo o alumnado en risco de exclusión social.

Todo isto sumado á descarada defensa de intereses nacionalistas en prexuízo dos que non o son. Lembremos que esta federación pertence a dúas Plataformas en defensa do Ensino Público pero que soamente se tratan iniciativas da plataforma nacionalista e non se teñen en conta as da Marea Verde, como por exemplo a da resolución aos Consellos Escolares para o mantemento dos libros de texto, presentada por nós e ignorada polo resto da directiva da federación para logo asumir a mesma iniciativa pero, desta vez, en clave nacionalista; ou a proposta de Banco de Libros da Marea Verde, tamén ignorada pola directiva desta federación. Así mesmo promóvense as reivindicacións e mobilizacións dos sindicatos nacionalistas e anímase ás ANPAs a acudir só a estes eventos.

Polo tanto, nesta ANPA estamos de acordo que a federación incumpre os seguintes puntos dos seus estatutos:
  • f)/art.3º/cap.1: “Ningún asociado nin directivo pode utilizar a federación en defensa de intereses particulares e persoais ou con fins partidistas”.
  • g)/art.3º/cap.1: “É independente de calquera partido político”.
Tamén temos que facer constar que non nos sentimos representadas polo presidente desta federación, xa que reiteradamente e en público asume argumentos contrarios aos acordos acadados polas asembleas. Consideramos isto un erro indiscutible, xa que participa con estes argumentos falaces no Consello Escolar Municipal, nas xuntanzas de Anpas Galegas ou en entrevistas co alcalde e concelleiros, todos eles organismos de gran importancia para que se escoiten os verdadeiros acordos que toma esta federación.

Así mesmo queremos denunciar a censura á que é sometida esta ANPA dende a data da asemblea citada anteriormente na que exposmos as nosas queixas. A nosa ANPA era a encargada do grupo de correo. Sen acordo asembleario e sen avisar, se nos quitou esta responsabilidade, o sabemos porque comprobamos que de administradoras pasamos a non poder entrar na páxina web do citado grupo. Os correos que enviamos ao grupo se publican con días de atraso ou non se publican. Pedimos explicacións en varias ocasións e por diversas canles e unhas veces ignoróusenos e outras aseguráronnos que se descoñecía o problema pero que se arranxaría. Nunca se fixo. Nós, pola nosa conta, solicitamos axuda a Google, empresa que oferta este formato de correo, e respondeunos que probablemente estabamos sendo moderadas no grupo, e dicir, a persoa que administra o grupo decide se publica ou non as nosas mensaxes. De feito, “perdéronse” as mensaxes nas que falabamos da charla de Nutrición, logo rexeitada pola directiva coa alegación de que non tiñan novas nosas respecto a ese tema.

En conclusión, estamos cansas de loitar por facernos un oco na federación, queremos empregar todas as nosas forzas en seguir loitando pola educación pública e sentimos que perdemos o tempo en mil e unha cousas que non chegan a nada, non nos sentimos representadas polo afán recadatorio que vemos nas festas e que contradí o noso espírito de solidariedade cos nenos e nenas de menos recursos, non nos gusta a competitividade que se fomenta contra a ANPA Pena do Equilibrio porque non está na federación. Unidade é participación sen perder a identidade. No momento que unha ANPA corre o risco de perder a súa identidade, cando os intereses duns poucos deciden por todos, cando nos sentimos manipuladas é hora de marchar.

Desde este instante, deixamos nas vosas mans as responsabilidades que tiñamos: a representación na Comisión de Escolarización e no Consello Escolar Municipal; e a de manter o blog e as redes sociais. Sentímonos orgullosas de ter participado tan activamente.

Animamos a todos os membros das ANPAs que conforman a federación a que tomen o control e non se deixen facer, que defendan as súas posturas nas asembleas e a que levanten a man cando non estean de acordo.

Pola nosa parte, desexámosvos moita sorte e seguiremos participando en todo aquilo que teñades a ben e nos pareza xusto e limpo. E seguiremos decidíndoo todas xuntas.

mércores, 27 de agosto de 2014

Calendario Escolar 2014/2015

 
No 2º ciclo de educación infantil, na educación especial e na educación primaria, a impartición efectiva de clases realizarase do día 10 de setembro de 2014 ao 19 de xuño de 2015, ambos inclusive.

Períodos de vacacións
  • Nadal: desde o día 22 de decembro de 2014 ata o día 7 de xaneiro de 2015, ambos inclusive.
  • Entroido: días 16, 17 e 18 de febreiro de 2015.
  • Semana Santa: desde o día 30 de marzo ata o 6 de abril de 2015, ambos inclusive.
Conmemoracións

1.-Durante o curso escolar celebraranse, como mínimo, as seguintes conmemoracións:
  • 25 de novembro de 2014: Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
  • Do 1 ao 11 de decembro de 2014: *conmemoración da Constitución e do Estatuto de Autonomía de Galicia.
  • 10 de decembro de 2014: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
  • 30 de xaneiro de 2015: Día Escolar da Non Violencia e a Paz.
  • 8 de marzo de 2015: Día Internacional da Muller Traballadora.
  • 15 de marzo de 2015: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.
  • Do 9 ao 13 de marzo de 2015: Semana da Prensa. Un día desta semana traballarase no aula con xornais.
  • Entre o 13 e o 30 de abril de 2015: Día do Libro.
  • 7 de abril de 2015: Día Mundial da Saúde.
  • 9 de maio de 2015: Día de Europa.
  • Do 7 ao 17 de maio de 2015: Semana das Letras Galegas.
  • 5 de xuño de 2015: Día Mundial do Medio Ambiente.
2.-De conformidade co establecido no artigo 26.2 da Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia (DOG de 25 de abril), para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual, os centros docentes sostidos con fondos públicos poderán realizar actividades específicas próximas ás datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo do dereito destas persoas.

3.-Cando algunha das datas a que se refiren os puntos anteriores sexa sábado, domingo, festividade local ou estea incluída nalgún dos períodos de vacacións establecidos no artigo 6 desta orde, a correspondente conmemoración celebrarase o día lectivo inmediatamente anterior ou posterior segundo estableza a programación xeral anual.

4. As datas ás que se refiren os puntos 1 e 2 son lectivas para todos os efectos e nelas os centros deberán organizar actividades diversas, tendentes a destacar a importancia das referidas conmemoracións.
 
Máis información: DOG nº 120

venres, 16 de maio de 2014

Campamento de Verán


Descárgate xa a solicitude e non perdas a túa praza no Campamento de Verán da ANPA Tea. 
Nº de conta IBAN: ES42 2080 5056 1330 0022 6993


venres, 25 de abril de 2014

Avaliación Diagnóstica

A avaliación diagnóstica é un conxunto de probas ou exámes sen efectos académicos, e dicir, que non se van ter en conta nas notas finais do alumnado.

O centro tomará decisións importantes (atención do alumnado, desenvolvemento curricular, etc.) en función dos resultados.

A Consellería de Educación decide cada curso as competencias básicas a evaluar, que este curso 2013/2014 serán:
  • Comunicación lingüistica.
  • Competencia matemática.
  • Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico.
Realizaránse os días 27 e 28 de maio no 4º curso de primaria.

Deixámosvos a ligazón á resolución do DOG sobre este tema: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140203/AnuncioG0164-270114-0001_gl.pdf

BANCO DE LIBROS

Dende a ANPA Tea e por segundo curso consecutivo, estamos a organizar o Banco de Libros de Texto. O obxectivo é aproveitar ao máximo os libros que aínda estean vixentes e poidan ser reutilizados para o vindeiro curso escolar. Para acadalo precisamos da vosa valiosa colaboración.

Funcionamento do Banco:

  • As familias achegarán os libros ao local da ANPA do centro co impreso cuberto que se achega.
  • Os libros deben estar en bo uso, de 3o de primaria en diante. Tamén pódense recoller libros de lectura obrigada.
  • A antigüidade máxima será de catro cursos.
  • Deben estar vixentes para o curso 2014-2015.
  • As datas de entrega de libros serán dende o 23 ao 27 de xuño en horario de 10 a 12 da mañá.
  • A ANPA fará os lotes segundo os criterios que veñen a continuación e as familias virán recollelos ao noso local.
  • As datas de recollida de libros serán dende o 30 de xuño ao 4 de xullo en horario de 10 a 12 da mañá.
  • A ANPA non se compromete a entregar a totalidade dos libros solicitados.
 
Criterios de adxudicación:

  1. Familias con informe favorable e usuarias de Ponte Solidario con especiais dificultades económicas.
  2. O resto repartiráse entre as familias que resten por orde de inscripción.
MOITAS GRAZAS POLA VOSA AXUDA

O CONSELLEIRO ANUNCIA O MANTEMENTO DOS LIBROS DE TEXTO PARA O VINDEIRO CURSO EN CONCORDANCIA COA RECLAMACIÓN FEITA POLA PLATAFORMA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO

A Plataforma en defensa do Ensino Público conformada por CCOO, FETE-UGT, CONFAPA, Sindicato de Estudantes, IESGA e Escola Viva congratulase coas manifestacións feitas o mércores en sede parlamentaria polo Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, nas que entre outros asuntos manifestaba o mantemento dos libros de texto para o vindeiro curso entendendo que "hai marxe para que os novos contidos poidan ser adaptados nas aulas".
 
Desde a Plataforma en Defensa do Ensino Público iniciaramos una campaña para que os Consellos Escolares dos centros se manifestaran en contra do cambio dos manuais para o vindeiro curso na liña de que os cambios que se plantexaban coa implantación da LOMCE non repercutiran na xa de por si maltreita economía das familias. Convén lembrar que esta campaña conta coa numerosa adhesión de Consellos Escolares dos centros educativos galegos que xa aprobaron resolucións nese sentido a instancia da nosa Plataforma.

A Campaña que tamén se fixo extensiva aos Consellos Escolares Municipais e conta co apoio dos mesmos. O máis inmediato é o caso do CEM de Lugo, que onte aprobou unha resolución contraria ao devandito cambio.

Asemade os conselleiros da Comisión Permanente do Consello Escolar de Galicia pertencentes ás organizacións que conforman a Plataforma en Defensa do Ensino Público xa solicitaramos unha xuntanza da devandita comisión para debater unha resolución contraria ao cambio de libros de texto para o vindeiro curso instando á potenciación dos bancos de libros e as bibliotecas de aula.

Malia que nos congratulamos coa decisión tomada polo Conselleiro, desde a Plataforma en Defensa do Ensino Pública, queremos facer constar que continuaremos a esixir o completo financiamento do ensino público con fondos públicos, reclamando a recuperación da gratuidade dos libros de texto e a potenciación de alternativas como os bancos de libros ,xa creados en numerosos centros, que deben seguir sendo usados porque supoñen un capital social que debe ser respectado e defendido.

Así mesmo emprazamos ao Conselleiro a entablar un diálogo que nos permita facerlle chegar o noso posicionamento noutras cuestións que son inherentes ao desenvolvemento e implantación da LOMCE na nosa comunidade.

luns, 21 de abril de 2014

Asemblea Extraordinaria


PARA SOCIAS E SOCIOS

O vindeiro xoves, 24 de abril de 2014, no propio centro e ás 18:30 en primeira convocatoria e ás 19:00 en segunda convocatoria.

Orde do día:
  1. Mantemento dos libros de texto para o vindeiro curso e banco de libros.
  2. Avaliación diagnóstica.
  3. Información sobre canles regulados para reclamacións, suxestións e dúbidas.
  4. Colaboración con Ponte Solidario.
  5. Varios.
Este é o momento de facerte escoitar e participar nas decisións da túa asociación, polo que pregamos a túa asistencia.


martes, 18 de marzo de 2014

Información sobre o pasado Festival de Entroido

Como sabedes, o derradeiro día 28 de febreiro, celebrouse o festival de Entroido no CEIP Fermín Bouza Brey. Ante a inestabilidade do tempo, foi cancelada unha das catro actividades complementarias previstas para ese día: o desfile.

Ante o manifesto malestar dalgúns pais e nais, queremos informar dos seguintes puntos:
  1. O equipo de coordinación organiza os festivais en función da climatoloxía.
  2. O noso centro, é o único da vila sen patio cuberto e está nos primeiros postos de toda Galicia en número de alumnos/as, tal como esta ANPA leva denunciando dende vai tempo.
  3. A decisión de cancelar o desfile foi tomada dende un nivel pedagóxico, de seguridade e salubridade, tendo sempre como único interese o benestar dos cativos.
  4. O desfile estaba previsto para as 12 da mañá e avisouse as 11 da súa cancelación ás familias que esperaban na porta, ás que chamaron por teléfono e tamén mediante un cartel.
  5. O festival non é para as familias, estas son invitadas. O festival é para o alumnado.
  6. As reclamacións, suxestións ou calquera outra consideración que os pais e nais queiran facer, teñen que seguir os canles adecuados: a través da ANPA ou de dirección.
  7. O equipo de coordinación vai revisar a política de participación das familias como consecuencia do comportamento inadecuado dalgúns pais e nais.
Para rematar, queremos que teñades en conta que cando as familias entran no centro, non se lles pide documentación. Nunca podemos estar seguros de quen é quen. Imaxinade a un delincuente accedendo libremente aos vosos fillos e fillas. Iso é o que se tenta evitar.

Por outra banda, lembrade que nós estamos aquí para representarvos, para informar e para solucionar os problemas da mellor forma posible.

xoves, 20 de febreiro de 2014

Entroido 2014


Estimadas familias:
 
Como membros da FANPO, estamos a organizar a Festa de Entroido para o alumnado de infantil e primaria da nosa Comarca que se celebrará o vindeiro venres, 28 de febreiro de 2014, ás 17:00 no Pavillón “Álvaro Pino” de Ponteareas.

Nesta ocasión, e debido á crise actual que nos rodea, gustaríanos agasallar ao alumnado asistente á festa cunha merenda solidaria. Para conseguir este obxectivo necesitamos a colaboración de todos aqueles pais e nais que queiran participar coa elaboración de doces caseiros de Entroido, que nesa tarde compartiremos cos nosos fillos e fillas.

Todas aquelas persoas que desexedes colaborar, podedes aportar o voso doce de Entroido o día 28 de febreiro, antes do comezo da Festa no Pavillón, a calquera membro da organización (aprox. 16:30).