martes, 20 de decembro de 2011

Resultados do concurso de debuxo: O MELLOR DO NADAL


~INFANTIL~


3º PREMIO

Pica para ver o debuxo no seu tamaño orixinal.

Celia levouse unha pizarra magnética de BOB ESPONJA.


2º PREMIO

Pica para ver o debuxo no seu tamaño orixinal.

Unai levouse un xogo de escritura interactiva.


1º PREMIO

Pica para ver o debuxo no seu tamaño orixinal.

Gabriel levouse unha pizarra de aprendizaxe.


~1º CICLO~


3º PREMIO

Pica para ver o debuxo no seu tamaño orixinal.

Basilio levouse un xogo ELECTRON do corpo humano.


2º PREMIO

Pica para ver o debuxo no seu tamaño orixinal.

Bruna levouse un xogo INSECTICEFA.


1º PREMIO

Pica para ver o debuxo no seu tamaño orixinal.

Alejandro levouse un xogo interactivo EDUCA do corpo humano.


~2º CICLO~

3º PREMIO


Pica para ver o debuxo no seu tamaño orixinal.

Carla levouse un xogo EDUCA de xeografía.


2º PREMIO

Pica para ver o debuxo no seu tamaño orixinal.

Fiz levouse un xogo PISCICEFA.


1º PREMIO

Pica para ver o debuxo no seu tamaño orixinal.

Claudia levouse un Trivial Pursuit familiar.


~3º CICLO~

3º PREMIO

Pica para ver o debuxo no seu tamaño orixinal.

Iago levouse un MP3 de 2Gb.



2º PREMIO


Pica para ver o debuxo no seu tamaño orixinal.

Laura levouse un MP4 de 4Gb con altoparlante.


1º PREMIO

Pica para ver o debuxo no seu tamaño orixinal.

Manuel levouse un DVD portátil.

Noraboa a todos e todas!

martes, 13 de decembro de 2011

Concurso de debuxo: valoración do xurado


Hoxe valoráronse os traballos presentados para o concurso de debuxo "O Mellor do Nadal".
O xurado foi composto por:
  • un membro do equipo directivo do centro
  • unha mestra de plástica do centro
  • a orientadora do centro
  • un alumno de 6º curso
  • un membro da A.N.P.A.
A partires de mañá, os traballos serán expostos na escola. Os nomes dos gañadores e gañadoras se revelará no Festival de Nadal e os premios entregaránse nese mesmo intre. Lembramos que TODOS os participantes levarán un pequeno agasallo polo feito de concursar.

mércores, 2 de novembro de 2011

Concurso de debuxo: O MELLOR DO NADAL

BASES:
  • Todos os alumnos/as do centro poden participar.
  • Cada concursante participará cun só debuxo do tema proposto.
  • Os traballos serán presentados na lámina proporcionada pola A.N.P.A. Tea.
  • Os traballos se dividirán en catro ciclos: infantil e 1º, 2º e 3º ciclo de primaria.
  • Cada ciclo optará a tres premios otorgados aos tres primeiros postos.
  • Todos os participantes terán un agasallo polo sinxelo feito de participar.
INFORMACIÓN:
  • As láminas poderán recollerse os luns de 09:00 a 10:00, e os martes de 16:00 a 17:00 no local da A.N.P.A. A lámina para os non asociados terá un custe de 1€, sendo de balde para os socios/as. Data límite de recollida de láminas: 29 de novembro de 2011.
  • A entrega de traballos será tamén no local da A.N.P.A. todos os luns de 09:00 a 10:00 e os martes de 16:00 a 17:00. Data límite de entrega de traballos: 12 de decembro de 2011.

luns, 24 de outubro de 2011

ASAMBLEA XERAL ORDINARIA

Estimado socio ou socia:

A Asociación de Nais e Pais do C.E.I.P. Fermín Bouza Brey de Ponteareas, convócate a unha Asemblea Xeral Ordinaria de socios que se celebrará o vindeiro xoves 3 de novembro de 2011 ás 18:30h en primeira convocatoria e ás 19:00h en segunda convocatoria, no anteriormente citado colexio, co seguinte Orde do Día:
  1. Lectura e aprobación da acta anterior.
  2. Aprobar o plan de actividades.
  3. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
  4. Exame e aprobación de cuotas.
  5. Eleccións Xunta Directiva.
  6. Situación actual do centro.
  7. Asuntos varios e preguntas.
Rogamos a túa asistencia. Un saúdo.
Xunta Directiva A.N.P.A. Tea

mércores, 14 de setembro de 2011

Afiliación 2011 - 2012


Para a súa comodidade e para axilizar os trámites e así evitar demoras, pregámoslle que cubra o formulario que de seguro terá xa na casa, e fagánolo chegar ben por medio do alumno/a, no buzón da ANPA ou no noso local os luns ás 09:00h.

  • A cuota é familiar, non por alumno/a.
  • Pregamos que ao facer o ingreso na caixa conste o nome do alumno/a ou alumnos/as e o correspondente curso, e adxunte o resgardo á ficha.
  • As cuotas das actividades extraescolares serán as fixadas polo mestre ou mestra correspondente. Os non socios pagarán un recargo de 3 €.
CUOTA ANUAL FAMILIAR DE 12 € A INGRESAR EN NOVA CAIXA GALEGA

Nº DE CONTA: 2080-0056-01-0000226996

sábado, 7 de maio de 2011

Medio mes sen materias

Estimado socio:

Coma seguramente xa saberás, aqueles funcionarios que opten por figurar nunha lista electoral coma candidatos, teñen dereito a quince días de permiso de traballo.

Nesta campaña electoral que comezou onte, dous mestres do noso centro solicitaron esta licencia. Un deles é de Educación Infantil e outro é de Segundo Ciclo.

A Consellería de Educación concedéulles o permiso pero, paradóxicamente, non vai cubrir eses postos con mestres de sustitución. Debido a isto, eses rapaces van estar todo ese tempo sen recibir o seu temario. Terán aos mestres de garda que estén libres en cada unha das horas do día, durante os quince días.
Nós consideramos inadmisible que durante medio mes o alumnado non reciba clases cun mestre único nas materias que son impartidas polo titor.

Consideramos asimesmo que debemos informarvos disto para que saibades que segundo a Constitución, nosos nenos teñen dereito a unha educación digna, dereito que a Consellería de ¿Educación? non lle parece que teña que protexer nin respetar.

Esta ANPA pensa tomar as medidas que dentro da súa capacidade, lle sexan posibles, aínda que vos facilitamos algúns teléfonos de interese por se queredes protestar de forma individual, cos nomes e apelidos dos responsables:
  • Consellería de Educación (Xesús Vázquez Abad): 981.545.460
  • Xefatura Territorial (César Augusto Pérez Ares): 986.805.900
  • Inspección de Educación (Gonzalo Fernández): 986.817.543

Atentamente
Xunta Directiva

xoves, 5 de maio de 2011

A Cociña de Tea

Na Anpa Tea estamos empezando un proxecto nado da inquedanza que nos produce a alimentación incorrecta de moitos nenos e nenas.

Todos temos fillos e sabemos que ás veces, son caprichosos á hora de xantar. Ou coñecemos algún caso de rapaces que non queren ás verduras ou somentes comen comida rápida.
Os pais e nais, como solución a estes problemas, empleamos moitas veces trucos ou formas de cociñar os alimentos, que os faga máis atrativos de cara aos cativos.

A educación tamén se lles da á hora de xantar.
Este blog nace da idea de axudarnos, entre todas as nais e pais, a completar a alimentación dos nosos fillos dunha forma sana e divertida. Cos nosos trucos e consellos, podemos facer que eses nenos e nenas, ás veces esixentes ou caprichosos coa comida, vexan a hora de xantar dunha forma máis positiva ao tempo que a súa nutrición resulte máis variada.

Dende a Anpa Tea, vos pregamos que compartades eses trucos co resto de pais e nais para que todos poidamos beneficiarnos deste novo saber popular que comeza ao tempo que proliferan os malos hábitos.

Poñemos á vosa disposición un blog para comezar a compartir todas as vosas receitas e trucos. Non só de verduras e froitas, por suposto. A nosa intención e que haxa de todo un pouco.
Podedes facernolas chegar a través do correo-e ou do buzón da escola.

Cando teñamos suficientes (o obxectivo e 100), premiaremos a mellor receita a través dun xurado composto por membros da comunidade educativa e tamén pediatras (contamos ademáis co aporte dun nutricionista). Iremosvos contando sobre a marcha.
E por último, temos a intención de facer un libro e publicalo para que as vosas ideas estén a disposición de calquera pai ou nai preocupado coma todos nos pola correcta nutrición dos seus fillos. Non fai falla asegurarvos que respetaremos sempre a autoría da receita.

Picade para ver o blog: A Cociña de Tea

Apertas e animádevos a participar.

mércores, 13 de abril de 2011

Camisetas para 6º

O xoves día 14 de abril, virá o fotógrafo a retratar ás nenas e nenos de 6º para a confección da camiseta de fin de curso.
Lembrade vir guapiños e que sacar a foto non compromete a mercar a camiseta.

Todos aqueles que queiran unha, teñen que traer os cartos ese mesmo día e lles tomaremos nota da talla.

PREZOS
  • Socios: 5´50 €
  • Non socios: 11 €
Foto da camiseta do ano pasado (6ºA)

martes, 22 de marzo de 2011

A ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS DO C.E.I.P. BOUZA BREY LEVA ESPERANDO CASE DOUS MESES UNHA CITA COA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

Case dous meses despois de solicitar por escrito unha cita á Consellería de Educación, a ANPA Tea do xa desafortunadamente famoso Colexio Bouza Brey de Ponteareas aínda non ten data para reunirse con Xesús Vázquez, conselleiro da Xunta e un dos responsables do estado deste centro.

A cita, pedida formalmente por escrito o día 1 de febreiro deste ano e enviada mediante rexistro de entrada a través do Concello de Ponteareas, non foi contestada nin confirmada ata que a ANPA resolveu chamar para verificar se o escrito foi recibido. A secretaria da Consellería confirmou que así fora e dende entón comprométese cada semana a darnos cita, aínda que nunca o fai.

Isto non é nada novo:

  • 18 de Decembro de 2009 – 244 denuncias de pais e nais de alumnos á Consellería de Educación polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 – Denuncia da ANPA ao Concello polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 – Denuncia da ANPA á Diputación de Pontevedra polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 –Denuncia da ANPA á Xefatura Territorial polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 – Denuncia da ANPA á Consellería de Educación polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 – Solicitude da ANPA á Consellería de Sanidade dunha inspección sanitaria no CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 13 de Maio de 2010 – Solicitude da ANPA á Consellería de Educación dos planos de ampliación do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 7 de Xuño de 2010 – Reclamación da ANPA ao Concello pola explotación como aparcadoiro no corpus das instalacións do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 7 de Xuño de 2010 – Solicitude da ANPA ao Concello do acordo de explotación para aparcadoiro no corpus do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 7 de Xuño de 2010 – Solicitude da ANPA ao Concello das contas da recadación da explotación como aparcadoiro no corpus do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 13 de Outubro de 2010 – Solicitude da ANPA ao Concello dun técnico que delimite o espazo que ocupará o novo aulario nos terreos do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 10 de Xaneiro de 2011 - Solicitude da ANPA á Consellería de Educación dos planos de reforma do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 21 de Febreiro de 2011 – Solicitude da ANPA ao Concello do acordo de explotación para aparcadoiro no corpus 2010 do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 21 de Febreiro de 2010 – Solicitude da ANPA ao Concello das contas da recadación da explotación como aparcadoiro no corpus 2010 do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 21 de Febreiro de 2011 – Solicitude ao Concello dunha inspección sanitaria por parte de persoal do ambulatorio no CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA


Todas estas solicitudes, reclamacións e denuncias foron entregadas e seladas mediante rexistro de entrada no noso Concello e de todas elas temos comprobante. Non constan nesta relación a morea de chamadas telefónicas, avisos e peticións que facemos constantemente sen que as atendan, posto que non son comprobables.

Consideramos moi grave esta falla de seriedade e consideración para cos pais e nais desta vila de Ponteareas e esiximos ás Administracións que cumplan os trámites legais aos que teñen obriga. Tanto os representantes do Concello como os da Xunta esquecéronse que están ahi para servir aos cidadáns. Esta práctica continuada de ignorar os nosos requerimentos é unha clara mostra do máis absoluto desprezo a ésta asociación, e por extensión, aos pais dos alumnos aos que representa.

xoves, 17 de marzo de 2011

O QUE NOS FALTABA: O CEIP FERMÍN BOUZA BREY QUEDA SEN XIMNASIO

O derradeiro martes 14 de marzo, cando os cativos de 1º de primaria dispoñíanse a dar clase de Educación Física, atopáronse con numerosas pingueiras que alagaban o parqué do seu pequeno ximnasio.
Non puideron levar a cabo a súa materia favorita ese día, debido á chuvia e a non ter un patio cuberto.

O grave problema da cuberta do ximnasio, levámolo denunciando dende hai tantos anos coma levamos reclamando as melloras tan necesarias para o noso centro.

No noso ximnasio practican deporte medio centenar de escolares á vez (dúas unidades) por non dispor de máis espazo para esta materia e tendo ademais o dobre de alumnos/as para o que foi destinado.
Non só ten unha cuberta que non cubre e un dobre teito que agora mesmo corre o risco de derrube por posibles bolsas de auga, senón que ademais o chan de madeira está tan deteriorado (40 anos de uso continuado) que con estes charcos formados polas pingueiras pódese abrir baixo os pés de calquera cativo.

Con todo isto, o Concello só reaccionou cando onte o noso alcalde quedou sen argumentos ante as evidencias fotográficas do lamentable estado do centro que lle mostrou na rúa unha reporteira de informativos dunha importante cadea da televisión estatal.
Segundo testemuñas que se atopaban na zona, o Sr. Solla, animou á reporteira a que sacara no seu programa "o Corpus que é moi bonito e non esas cousas tan feas" referíndose ao estado do CEIP Fermín Bouza Brey.

Ante tanta desvergoña os pais e nais non podemos máis que seguir en pé de guerra esixindo unha educación de calidade, xa que cada día se confirma que estes políticos tanto da Xunta coma do Concello, non son nosos amigos nin están do lado da cidadanía como nos queren facer crer, senón que lles importan ben pouco os cativos dos colexios públicos da nosa vila e o demostran cada día.

luns, 31 de xaneiro de 2011

Asemblea Extraordinaria Aberta

A Asociación de Nais e Pais Tea, do C.E.I.P. Fermín Bouza Brey de Ponteareas, convócate a unha Asamblea Extraordinaria que se celebrará o vindeiro mércores 9 de febreiro de 2011 ás 19:30h en primeira convocatoria e ás 20:00h en segunda convocatoria, no Centro Social (Rúa Oriente), co seguinte

Orde do Día:

  1. Situación do Centro: resultados das derradeiras protestas e próximas medidas.
  2. Rogos e preguntas.


Dada a importancia e urxencia desta Asemblea, pregamos a asistencia de todos os socios e non socios.

mércores, 26 de xaneiro de 2011

Información aos socios/as usuarios da piscina municipal

Poñemos en coñecemento dos socios/as da ANPA que teñan aos seus nenos en actividades extraescolares na piscina ou no pavillón municipal, que no pago do seguinte recibo terán un desconto de 5 euros por actividade.
Este acordo foi promovido por esta ANPA co apoio das restantes ANPA´s dos colexios públicos.
Un saúdo.

Resposta ás falacias do Xefe Territorial

En resposta as falsedades verquidas polo Xefe Territorial, Sr. César Augusto Pérez Ares, en distintos medios de comunicación, a ANPA Tea do CEIP Fermín Bouza Brey co apoio da Federación de ANPA´s de Ponteareas

INFORMA:
  • que o Xefe Territorial utiliza uns datos completamente irreais das infraestruturas dos centros que supostamente son responsabilidade súa. En Educación só lles interesa aplicar as ratios totais nas aulas, sen recoñecer que éstas deben axustarse ás necesidades educativas dos nenos/as, aos agrupamentos de alumnos con diferentes idades nos centros de infantil do rural (nunha mesma aula habería nenos de 3, 4 e 5 anos) e tamén ao espacio físico que ocupan.
  • que se en realidade sobran 36 prazas no Bouza Brey, ¿por qué, ante o malestar dos pais e nais, deixou a unha ducia de alumnos na unitaria de Xinzo que deberían estar neste curso no Fermín Bouza Brey?
  • que se en realidade sobran 300 prazas no conxunto da vila, ¿por qué vai gastar os cartos en construir un aulario de 225 prazas no Bouza Brey cando pode usar ese diñeiro na reforma do centro actual?
  • que se en realidade os profesores e profesoras do Fermín Bouza Brey no 2008 non querían un colexio novo, e sí un engadido que restara espacio de recreo no centro, ¿por qué firmaron un manifesto no que pedían todo o contrario e do que teñen copia en Consellería de Educación?
César Augusto Pérez Ares con Nava Castro na Feira do Viño 2009

Queremos engadir que con censura, provocacións e falsedades, non vai a conseguir absolutamente nada coa cidadanía pontareán. Os pais e nais desta vila, cada día estamos máis motivados para seguir loitando polos dereitos dos nenos e nenas e dispostos a manter as protestas durante o tempo que faga falla. Non temos nada que perder, ao contrario dos responsables de Educación na Xunta, que xa perderon toda a súa credibilidade, aínda que lles molestará moito máis perder os votos.

sábado, 22 de xaneiro de 2011

Valoración dos actos de protesta na vila de Ponteareas

A ANPA Tea do CEIP Fermín Bouza Brey, e a Federación de Asociacións de Nais/Pais de Centros Públicos de Ponteareas (FANPO),

INFORMAN:

Que na pasada xornada do 21 de xaneiro, deuse cita diante do Concello a Comunidade Escolar de Ponteareas convocada dende a FANPO, a fin de percorrer as principais rúas da vila nunha manifestación que pretendía facer chegar ás Administracións o noso descontento. Este acto se considera o de maior afluencia realizado ata o de agora.
Do mesmo xeito foron convocados os paros escolares dos alumnos do CEIP Fermín Bouza Brey que se fixeron os días 18 e 20 de xaneiro, que foron secundados por 509 e 514 alumnos respectivamente neste Centro, e polos alumnos do CRA “A Picaraña” (Centros escolares do Rural de Ponteareas) que de 123 alumnos matriculados, faltaron un total de 91 e 96 nenos/as.
Valorando todos estes datos, o balance destas xornadas e claramente de apoio de toda a cidadania e forzas sociais de Ponteareas, ante a demanda dos pais e nais dos Centros Públicos do concello ante as Administracións tanto local como Autonómica de que é necesario a Reforma Integral do CEIP “Fermín Bouza Brey”, o mantemento continúo dos outros centros escolares e a desmasificación dos Colexios de Infantil e Primaria coa construcción dun novo CEIP.

Queremos enviar un mensaxe alto e claro ao responsable da Xefatura territorial, que fai as súas declaracións en prensa en vez de convocarnos para solucionar todos os problemas que ten a comunidade educativa no Concello de Ponteareas; que utiliza uns datos irreais completamente debido a un descoñecemento total das infraestructuras dos centros que supostamente son responsabilidade súa.
A Educación só lle interesa aplicar as ratios totais nas aulas, sen decatarse que éstas teñen que axustarse ás necesidades educativas dos nenos/as, aos agrupamentos de nenos con diferentes idades nos centros de infantil do rural (nunha mesma aula habería nenos de 3, 4 e 5 anos) e tamén ao espacio físico que ocupan.
Nesta vila, temos centros con aulas onde físicamente non caben máis de 10 nenos. Descoñecendo toda esta realidade, entón si que se poden facer esas valoracións.
Ainda así, se ao Xefe territorial lle saen 301 vacantes no concello, con só facer unha rezonificación, xa pode aforrar tamén os cartos que custa facer o aulario novo.

Decir tamén dende a FANPO, que a unidade da comunidade escolar na vila é total, ainda que se queira facer ver o contrario. Dende o colectivo do profesorado do CEIP “Fermín Bouza Brey”, xa se había posto en coñecemento da Consellería de Educación e O.U. en abril de 2008, a necesidade de reforma integral do Centro e masificación que tiña nese momento. Na actualidade, tres anos despóis, a degración e moito maior e a masificación empeza xa a afectar a outros centros que teñen xa a ratio completa, e uns servizos que son para un número inferior de alumnos/as.
Neste momento a Comunidade Escolar e todos os colectivos sociais da vila estamos aunados nunha mesma dirección e seguiremos facendo escoitar a nosa única voz en todos os frentes que se poidan abrir.

Damos as grazas a todos os que adicaron numerosas horas e traballo a facer posible estas convocatorias, e sobre todo a todas aquelas persoas (afectados ou non) que dispuxeron do seu tempo para asistir á manifestación ou apoiar os paros escolares.

Queremos resaltar a importancia de todos aqueles que prestaron a súa colaboración, ainda que o seu traballo en algunhas ocasións, como a pegada de carteis foi boicoteada, e éstes foron retirados pola algunha man negra.

Seguiremos traballando para que as persoas responsables en cada ámbito nos escoiten e vexan a necesidade de recibirnos e atender as nosas peticións debidamente, e si esto non fora así, botaremos man novamente das movilizacións.

xoves, 20 de xaneiro de 2011

Seguemento das protestas de xaneiro de 2011

Informamos do éxito de inasistencia das dúas xornadas de protesta realizadas esta semana.

  • O martes 18 de xaneiro, secundaron a protesta 509 alumnos e alumnas do C.E.I.P. Fermín Bouza Brey dun total de 610; tamén no C.R.A. (Centros Rurales Agrupados) secundaron a protesta 91 alumnos e alumnas dun total de 123.
  • O xoves 21 de xaneiro, secundaron a protesta 514 alumnos e alumnas do C.E.I.P. Fermín Bouza Brey dun total de 610; tamén no C.R.A. secundaron a protesta 96 alumnos e alumnas dun total de 123.

Este venres 21 de xaneiro asistiremos á manifestación convocada pola F.A.N.P.O. de Ponteareas, que comezará ás 20:00h. diante do Concello.

Temos que salientar que nos consta que se están arrincando todos os carteis informativos que estamos a poñer pola vila e arredores, pero tamén temos que dicir que pese a este contratempo a cidadanía está moi ben informada como para asistir mañán á manifestación.

Un saúdo.

luns, 17 de xaneiro de 2011

Protestas dos vindeiros días 18 e 21

Estimado pai/nai:

Dirixímonos a vostede co fin de informarlle das protestas dos vindeiros días 18 e 20 de xaneiro ademáis da manifestación do día 21 (20:00h) convocada pola FANPO. Na derradeira Asemblea Extraordinaria da ANPA, decidíuse por maioría absoluta a inasistencia dos alumnos/as como protesta pola situación que leva sufrindo o centro dende fai xa moitos anos e pola inminente costrucción do novo aulario. Como xa sabe, os nenos e nenas do CEIP Fermín Bouza Brey carecen dunhas condicións aptas de habitabilidade, seguridade e hixiene debido a masificación, a falta de mantemento e persoal de limpeza insuficiente. Debido a todo isto agradeceríamos de novo a sua solidariedade. Deixámolo á sua consideración e sentimos as molestias que isto lle poda ocasionar.

Temos un modelo de xustificante de falta que pode descargar AQUÍ e utilizar