A directiva da ANPA Tea informa, mediante o presente comunicado, a súa baixa na Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as de Centros de Ensino Público das comarcas Condado-Paradanta e Louriña. Esta decisión comunícase de acordo aos seguintes puntos:
- e)/art.3º/cap.1 dos estatutos de dita federación que di: “A admisión ou separación de cada ANPA é libre e voluntaria”.
- a)/art.12º/cap.II que di que a condición de asociado pérdese: “Por vontade da ANPA asociada, por medio de acordo adoptado de conformidade os seus estatutos e comunicado formalmente”.
Todo isto sumado á descarada defensa de intereses nacionalistas en prexuízo dos que non o son. Lembremos que esta federación pertence a dúas Plataformas en defensa do Ensino Público pero que soamente se tratan iniciativas da plataforma nacionalista e non se teñen en conta as da Marea Verde, como por exemplo a da resolución aos Consellos Escolares para o mantemento dos libros de texto, presentada por nós e ignorada polo resto da directiva da federación para logo asumir a mesma iniciativa pero, desta vez, en clave nacionalista; ou a proposta de Banco de Libros da Marea Verde, tamén ignorada pola directiva desta federación. Así mesmo promóvense as reivindicacións e mobilizacións dos sindicatos nacionalistas e anímase ás ANPAs a acudir só a estes eventos.
Polo tanto, nesta ANPA estamos de acordo que a federación incumpre os seguintes puntos dos seus estatutos:
- f)/art.3º/cap.1: “Ningún asociado nin directivo pode utilizar a federación en defensa de intereses particulares e persoais ou con fins partidistas”.
- g)/art.3º/cap.1: “É independente de calquera partido político”.
Así mesmo queremos denunciar a censura á que é sometida esta ANPA dende a data da asemblea citada anteriormente na que exposmos as nosas queixas. A nosa ANPA era a encargada do grupo de correo. Sen acordo asembleario e sen avisar, se nos quitou esta responsabilidade, o sabemos porque comprobamos que de administradoras pasamos a non poder entrar na páxina web do citado grupo. Os correos que enviamos ao grupo se publican con días de atraso ou non se publican. Pedimos explicacións en varias ocasións e por diversas canles e unhas veces ignoróusenos e outras aseguráronnos que se descoñecía o problema pero que se arranxaría. Nunca se fixo. Nós, pola nosa conta, solicitamos axuda a Google, empresa que oferta este formato de correo, e respondeunos que probablemente estabamos sendo moderadas no grupo, e dicir, a persoa que administra o grupo decide se publica ou non as nosas mensaxes. De feito, “perdéronse” as mensaxes nas que falabamos da charla de Nutrición, logo rexeitada pola directiva coa alegación de que non tiñan novas nosas respecto a ese tema.
En conclusión, estamos cansas de loitar por facernos un oco na federación, queremos empregar todas as nosas forzas en seguir loitando pola educación pública e sentimos que perdemos o tempo en mil e unha cousas que non chegan a nada, non nos sentimos representadas polo afán recadatorio que vemos nas festas e que contradí o noso espírito de solidariedade cos nenos e nenas de menos recursos, non nos gusta a competitividade que se fomenta contra a ANPA Pena do Equilibrio porque non está na federación. Unidade é participación sen perder a identidade. No momento que unha ANPA corre o risco de perder a súa identidade, cando os intereses duns poucos deciden por todos, cando nos sentimos manipuladas é hora de marchar.
Desde este instante, deixamos nas vosas mans as responsabilidades que tiñamos: a representación na Comisión de Escolarización e no Consello Escolar Municipal; e a de manter o blog e as redes sociais. Sentímonos orgullosas de ter participado tan activamente.
Animamos a todos os membros das ANPAs que conforman a federación a que tomen o control e non se deixen facer, que defendan as súas posturas nas asembleas e a que levanten a man cando non estean de acordo.
Pola nosa parte, desexámosvos moita sorte e seguiremos participando en todo aquilo que teñades a ben e nos pareza xusto e limpo. E seguiremos decidíndoo todas xuntas.