O pasado venres 8 de abril, o alumnado do CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas celebrou o Día da Árbore plantando unha por curso nos xardíns do centro.
Este evento, organizado pola ANPA Tea, contou coa colaboración do Servizo Forestal do Condado - Paradanta, que acudiu a ensinarlles ás rapazas e rapaces da escola como se planta unha árbore e darlles unha charla sobre o entorno e como coidalo.
A directiva da ANPA, mercou sete árbores -unha por cada curso de primaria máis outra para educación infantil- que tiñan que cumprir algunhas das seguintes características: ser unha árbore autóctona, froiteira e dar o froito durante a tempada escolar. Estas condicións son necesarias para que a rapazada non se quede só na plantación, senón que tamén poida seguir os pasos do crecemento da súa árbore a medida que van estudando na aula o proceso, e por suposto, que recollan e saboreen o froito do que coidaron. Así, os cativos e cativas de educación infantil posúen xa unha arandeira, o alumnado de primeiro ten un mandarineiro, o de segundo unha ameixeira, o de terceiro unha amendoeira, o de cuarto unha maceira Urraca, o de quinto unha maceira Tabardilla e o de sexto unha pereira común. Logo da plantación, cada grupo gozou dunha interesante charla sobre os nosos bosques adaptada a cada marxe de idade.
Hai que ter en conta que cada grupo conta cun número de entre 55 e 88 alumnos/as, co que resulta complicado organizar calquera actividade neste centro, pero contamos cun alumnado que se comporta de xeito inmellorable e iso facilita moito esta labor. Por este motivo -o elevado número de alumnado- e porque contamos cun espazo limitado, soamente contamos cunha árbore por curso.
A ANPA Tea agradece a colaboración de Fontán Plant de Covelo, que asesorounos e regalounos unha das árbores; ao Distrito Forestal XVII e máis concretamente a Pablo, Rafa, Berto e Mario, que gañáronse á rapazada ensinándolles a plantalas, e a José e Laura pola interesante charla; e ao profesorado do centro por estar sempre disposto a participar destas actividades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario