mércores, 14 de setembro de 2011

Afiliación 2011 - 2012


Para a súa comodidade e para axilizar os trámites e así evitar demoras, pregámoslle que cubra o formulario que de seguro terá xa na casa, e fagánolo chegar ben por medio do alumno/a, no buzón da ANPA ou no noso local os luns ás 09:00h.

  • A cuota é familiar, non por alumno/a.
  • Pregamos que ao facer o ingreso na caixa conste o nome do alumno/a ou alumnos/as e o correspondente curso, e adxunte o resgardo á ficha.
  • As cuotas das actividades extraescolares serán as fixadas polo mestre ou mestra correspondente. Os non socios pagarán un recargo de 3 €.
CUOTA ANUAL FAMILIAR DE 12 € A INGRESAR EN NOVA CAIXA GALEGA

Nº DE CONTA: 2080-0056-01-0000226996

sábado, 7 de maio de 2011

Medio mes sen materias

Estimado socio:

Coma seguramente xa saberás, aqueles funcionarios que opten por figurar nunha lista electoral coma candidatos, teñen dereito a quince días de permiso de traballo.

Nesta campaña electoral que comezou onte, dous mestres do noso centro solicitaron esta licencia. Un deles é de Educación Infantil e outro é de Segundo Ciclo.

A Consellería de Educación concedéulles o permiso pero, paradóxicamente, non vai cubrir eses postos con mestres de sustitución. Debido a isto, eses rapaces van estar todo ese tempo sen recibir o seu temario. Terán aos mestres de garda que estén libres en cada unha das horas do día, durante os quince días.
Nós consideramos inadmisible que durante medio mes o alumnado non reciba clases cun mestre único nas materias que son impartidas polo titor.

Consideramos asimesmo que debemos informarvos disto para que saibades que segundo a Constitución, nosos nenos teñen dereito a unha educación digna, dereito que a Consellería de ¿Educación? non lle parece que teña que protexer nin respetar.

Esta ANPA pensa tomar as medidas que dentro da súa capacidade, lle sexan posibles, aínda que vos facilitamos algúns teléfonos de interese por se queredes protestar de forma individual, cos nomes e apelidos dos responsables:
  • Consellería de Educación (Xesús Vázquez Abad): 981.545.460
  • Xefatura Territorial (César Augusto Pérez Ares): 986.805.900
  • Inspección de Educación (Gonzalo Fernández): 986.817.543

Atentamente
Xunta Directiva

xoves, 5 de maio de 2011

A Cociña de Tea

Na Anpa Tea estamos empezando un proxecto nado da inquedanza que nos produce a alimentación incorrecta de moitos nenos e nenas.

Todos temos fillos e sabemos que ás veces, son caprichosos á hora de xantar. Ou coñecemos algún caso de rapaces que non queren ás verduras ou somentes comen comida rápida.
Os pais e nais, como solución a estes problemas, empleamos moitas veces trucos ou formas de cociñar os alimentos, que os faga máis atrativos de cara aos cativos.

A educación tamén se lles da á hora de xantar.
Este blog nace da idea de axudarnos, entre todas as nais e pais, a completar a alimentación dos nosos fillos dunha forma sana e divertida. Cos nosos trucos e consellos, podemos facer que eses nenos e nenas, ás veces esixentes ou caprichosos coa comida, vexan a hora de xantar dunha forma máis positiva ao tempo que a súa nutrición resulte máis variada.

Dende a Anpa Tea, vos pregamos que compartades eses trucos co resto de pais e nais para que todos poidamos beneficiarnos deste novo saber popular que comeza ao tempo que proliferan os malos hábitos.

Poñemos á vosa disposición un blog para comezar a compartir todas as vosas receitas e trucos. Non só de verduras e froitas, por suposto. A nosa intención e que haxa de todo un pouco.
Podedes facernolas chegar a través do correo-e ou do buzón da escola.

Cando teñamos suficientes (o obxectivo e 100), premiaremos a mellor receita a través dun xurado composto por membros da comunidade educativa e tamén pediatras (contamos ademáis co aporte dun nutricionista). Iremosvos contando sobre a marcha.
E por último, temos a intención de facer un libro e publicalo para que as vosas ideas estén a disposición de calquera pai ou nai preocupado coma todos nos pola correcta nutrición dos seus fillos. Non fai falla asegurarvos que respetaremos sempre a autoría da receita.

Picade para ver o blog: A Cociña de Tea

Apertas e animádevos a participar.

mércores, 13 de abril de 2011

Camisetas para 6º

O xoves día 14 de abril, virá o fotógrafo a retratar ás nenas e nenos de 6º para a confección da camiseta de fin de curso.
Lembrade vir guapiños e que sacar a foto non compromete a mercar a camiseta.

Todos aqueles que queiran unha, teñen que traer os cartos ese mesmo día e lles tomaremos nota da talla.

PREZOS
  • Socios: 5´50 €
  • Non socios: 11 €
Foto da camiseta do ano pasado (6ºA)

martes, 22 de marzo de 2011

A ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS DO C.E.I.P. BOUZA BREY LEVA ESPERANDO CASE DOUS MESES UNHA CITA COA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

Case dous meses despois de solicitar por escrito unha cita á Consellería de Educación, a ANPA Tea do xa desafortunadamente famoso Colexio Bouza Brey de Ponteareas aínda non ten data para reunirse con Xesús Vázquez, conselleiro da Xunta e un dos responsables do estado deste centro.

A cita, pedida formalmente por escrito o día 1 de febreiro deste ano e enviada mediante rexistro de entrada a través do Concello de Ponteareas, non foi contestada nin confirmada ata que a ANPA resolveu chamar para verificar se o escrito foi recibido. A secretaria da Consellería confirmou que así fora e dende entón comprométese cada semana a darnos cita, aínda que nunca o fai.

Isto non é nada novo:

  • 18 de Decembro de 2009 – 244 denuncias de pais e nais de alumnos á Consellería de Educación polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 – Denuncia da ANPA ao Concello polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 – Denuncia da ANPA á Diputación de Pontevedra polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 –Denuncia da ANPA á Xefatura Territorial polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 – Denuncia da ANPA á Consellería de Educación polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 – Solicitude da ANPA á Consellería de Sanidade dunha inspección sanitaria no CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 13 de Maio de 2010 – Solicitude da ANPA á Consellería de Educación dos planos de ampliación do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 7 de Xuño de 2010 – Reclamación da ANPA ao Concello pola explotación como aparcadoiro no corpus das instalacións do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 7 de Xuño de 2010 – Solicitude da ANPA ao Concello do acordo de explotación para aparcadoiro no corpus do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 7 de Xuño de 2010 – Solicitude da ANPA ao Concello das contas da recadación da explotación como aparcadoiro no corpus do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 13 de Outubro de 2010 – Solicitude da ANPA ao Concello dun técnico que delimite o espazo que ocupará o novo aulario nos terreos do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 10 de Xaneiro de 2011 - Solicitude da ANPA á Consellería de Educación dos planos de reforma do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 21 de Febreiro de 2011 – Solicitude da ANPA ao Concello do acordo de explotación para aparcadoiro no corpus 2010 do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 21 de Febreiro de 2010 – Solicitude da ANPA ao Concello das contas da recadación da explotación como aparcadoiro no corpus 2010 do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 21 de Febreiro de 2011 – Solicitude ao Concello dunha inspección sanitaria por parte de persoal do ambulatorio no CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA


Todas estas solicitudes, reclamacións e denuncias foron entregadas e seladas mediante rexistro de entrada no noso Concello e de todas elas temos comprobante. Non constan nesta relación a morea de chamadas telefónicas, avisos e peticións que facemos constantemente sen que as atendan, posto que non son comprobables.

Consideramos moi grave esta falla de seriedade e consideración para cos pais e nais desta vila de Ponteareas e esiximos ás Administracións que cumplan os trámites legais aos que teñen obriga. Tanto os representantes do Concello como os da Xunta esquecéronse que están ahi para servir aos cidadáns. Esta práctica continuada de ignorar os nosos requerimentos é unha clara mostra do máis absoluto desprezo a ésta asociación, e por extensión, aos pais dos alumnos aos que representa.

xoves, 17 de marzo de 2011

O QUE NOS FALTABA: O CEIP FERMÍN BOUZA BREY QUEDA SEN XIMNASIO

O derradeiro martes 14 de marzo, cando os cativos de 1º de primaria dispoñíanse a dar clase de Educación Física, atopáronse con numerosas pingueiras que alagaban o parqué do seu pequeno ximnasio.
Non puideron levar a cabo a súa materia favorita ese día, debido á chuvia e a non ter un patio cuberto.

O grave problema da cuberta do ximnasio, levámolo denunciando dende hai tantos anos coma levamos reclamando as melloras tan necesarias para o noso centro.

No noso ximnasio practican deporte medio centenar de escolares á vez (dúas unidades) por non dispor de máis espazo para esta materia e tendo ademais o dobre de alumnos/as para o que foi destinado.
Non só ten unha cuberta que non cubre e un dobre teito que agora mesmo corre o risco de derrube por posibles bolsas de auga, senón que ademais o chan de madeira está tan deteriorado (40 anos de uso continuado) que con estes charcos formados polas pingueiras pódese abrir baixo os pés de calquera cativo.

Con todo isto, o Concello só reaccionou cando onte o noso alcalde quedou sen argumentos ante as evidencias fotográficas do lamentable estado do centro que lle mostrou na rúa unha reporteira de informativos dunha importante cadea da televisión estatal.
Segundo testemuñas que se atopaban na zona, o Sr. Solla, animou á reporteira a que sacara no seu programa "o Corpus que é moi bonito e non esas cousas tan feas" referíndose ao estado do CEIP Fermín Bouza Brey.

Ante tanta desvergoña os pais e nais non podemos máis que seguir en pé de guerra esixindo unha educación de calidade, xa que cada día se confirma que estes políticos tanto da Xunta coma do Concello, non son nosos amigos nin están do lado da cidadanía como nos queren facer crer, senón que lles importan ben pouco os cativos dos colexios públicos da nosa vila e o demostran cada día.

luns, 31 de xaneiro de 2011

Asemblea Extraordinaria Aberta

A Asociación de Nais e Pais Tea, do C.E.I.P. Fermín Bouza Brey de Ponteareas, convócate a unha Asamblea Extraordinaria que se celebrará o vindeiro mércores 9 de febreiro de 2011 ás 19:30h en primeira convocatoria e ás 20:00h en segunda convocatoria, no Centro Social (Rúa Oriente), co seguinte

Orde do Día:

  1. Situación do Centro: resultados das derradeiras protestas e próximas medidas.
  2. Rogos e preguntas.


Dada a importancia e urxencia desta Asemblea, pregamos a asistencia de todos os socios e non socios.