xoves, 29 de outubro de 2015

XUNTANZA INFORMATIVA


ABERTA A TODAS AS FAMILIAS 

Estimada familia:

Invitámoste á Xuntanza Informativa da Asociación de Nais e Pais Tea, que se celebrará na aula prefabricada do CEIP Fermín Bouza Brey o vindeiro martes 3 de novembro de 2015 ás 19:30, coa seguinte

ORDE DO DÍA:
  1. Presentación da nova Xunta Directiva.
  2. Información sobre actividades extraescolares e descontos, e entrega de carnés ás familias asociadas asistentes.
  3. Información xeral sobre o estado do centro.
  4. Rogos e preguntas.

Agardámoste.
 

mércores, 7 de outubro de 2015

Novo curso 2015/2016


Estimadas familias:

Onte recibistes as circulares para poder asociarvos, para recibir cobertura do seguro escolar e para participar das actividades extraescolares.

Pedímosvos brevidade á hora de cumprimentalas no caso de que esteades interesadas, xa que este curso, como sabedes, imos con certo atraso. Do mesmo xeito, animámosvos a despexar calquera dúbida que teñades nestes aspectos.

As familias que se asocien recibirán en breve o seu carné e a listaxe de establecementos onde terán descontos.

Tamén vos informamos de que a nova dirección de correo-e é: anpatea@gmail.com e a nova dirección do noso blogue: anpatea.blogspot.com

Pasaremos a atender no noso local os xoves pola mañá no canto dos martes.
 
Podedes seguirnos tamén en facebook.

mércores, 16 de setembro de 2015

Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria do curso 2015/2016


A Asociación de Nais e Pais Tea convoca a todas as familias asociadas ás súas Asembleas Xerais, Ordinaria e Extraordinaria que se celebrarán o vindeiro mércores 30 de setembro, a partires das 19:00 en primeira convocatoria e 19:30 en segunda convocatoria. Serán na aula prefabricada ao outro lado do ximnasio.


venres, 12 de xuño de 2015

Información Cheque e Banco de Libros.



Compartimos arquivos informativos sobre as Ordes da Consellería de Educación sobre a xestión de axudas para libros de texto de 1º, 2º, 4º e 6º de primaria; e o banco de libros para 3º e 5º de primaria.

Nestes documentos, facilitados pola Federación de ANPAs de Pontevedra (FANPA) e a Confederación Anpas Galegas, exponse a casuística pola que un neno/a podería quedar sen libros do fondo de libros, aínda que cumprise os requisitos de renda do cheque, ademáis de explicar polo miúdo cada orde cos inconvintes que supón cada unha das mesmas.

Supostos nos que o teu fillo/a pode quedar sen libros.

Comentarios á Orde de creación do Banco de Libros.

Comentarios á Orde de Axudas para Libros.

Dende a ANPA Tea, apoiamos totalmente a reivindicación da gratuidade de libros e material para todo o alumnado dos centros públicos é consideramos este sistema un malgasto de cartos públicos e unha fonte de conflitos nos centros, tanto para o alumnado e as familias como para o equipo directivo e profesorado.

Por todo o exposto pedimos a vosa participación na concentración que terá lugar o vindeiro luns 15 de xuño ás 20:00 diante da casa do Concello.
 

mércores, 20 de maio de 2015

A ANPA Tea esixe información sobre as medidas que se van adoptar respecto dos resultados derivados das probas de terceiro de primaria


A ANPA Tea dúbida do obxectivo real da realización das probas de 3º de Educación Primaria así como da publicación dos resultados.

A LOMCE impón a realización desta proba, cuxos resultados poderían servir para tomar decisións sobre a educación dos nosos fillos e fillas, indicando dunha forma pouco clara que "de resultar desfavorable esta avaliación, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis axeitadas. ".

A ANPA Tea oponse a que unha redacción ambigua na LOMCE na que só fala de "medidas ordinarias ou extraordinarias máis axeitadas" poida supoñer a repetición de curso ou unha nota no expediente do alumnado que condicione o seu futuro dentro do sistema educativo.

A ANPA Tea solicitou información sobre qué medidas se adoptarán e cómo se reflectirá o resultado desta proba no expediente académico do alumnado se este resulta desfavorable.

Estas probas levaránse a cabo no CEIP Fermín Bouza Brey os días 27 e 28 de maio. No caso de que non estés conforme coa realización desta proba, non leves a teu fillo ou filla a clase eses días. Proporcionamos te un xustificante de ausencia revisado e avaliado por un asesor xurídico.

luns, 2 de marzo de 2015

#MobilízatePolaIgualdade

Como xa saberedes, a ANPA Tea colabora no que pode con Ponte Solidario, e desta vez estamos decididas a sacar adiante o seu Informe de Mínimos que tamén é o noso e despois de botarlle un ollo, seguro que tamén o voso.

Difundimos a mensaxe de PS a continuación:



Antes de nada, se aterras aquí e aínda non sabes que é iso do "Informe de Mínimos", corre a lelo! E a continuación, se compartes a necesidade de solucións que formulamos, podes asinar aquí:

Petición dirixida á Corporación Municipal de Ponteareas

Como sabes, Ponte Solidario centra os seus esforzos nas inxustizas que afectan aos máis débiles da nosa sociedade. Por iso, nos últimos meses puxemos en marcha iniciativas encamiñadas a loitar frontalmente contra estas inxustizas.

Charlas sobre realidade social, manifestos en días sinalados, asistencia aos plenos municipais, participación na Coordinadora das Marchas da Dignidade e sobre todo, a elaboración do Informe de Mínimos coa recollida de firmas.

O obxectivo deste documento non é outro que o de converterse nunha realidade a través das canles municipais, por iso o próximo 17 de marzo votarase no Pleno Municipal a súa aprobación e para ese día, contamos co apoio de todos eles.
Como podes apoiar ata entón?
  1. Descarga a imaxe aquí.
  2. Imprime o cartel e faiche unha foto con el. Se non podes imprimilo, valerá con que escribas nun papel "Eu apoio ou Informe de Mínimos", engadindo tamén un dos hashtag #EuMobilízome ou #MobilízatePolaIgualdade.
  3. Publica esa foto nas túas canles sociais (FB ou Twitter) mencionando a Ponte Solidario, sumarás apoios á causa ademais de aparecer no noso carrousel!
 http://www.pontesolidario.com/movilizando

mércores, 28 de xaneiro de 2015

Queres pagar menos pola excursión de fin de curso?



A Anpa Tea convoca a nais e pais do alumnado de de primaria a unha xuntanza que terá lugar o martes día 3 de febreiro ás 17:00 horas, na escola. O tema a tratar será o aparcadoiro do corpus con fin de recadar cartos para excursión de fin de curso.

Prégase a máxima asistencia.