venres, 24 de abril de 2009

O Consello Escolar Municipal de Ponteareas rexeita a ampliación prevista para o C.E.I.P. Fermín Bouza Brey.

Pide que se manteña no presuposto a reforma integral do centro e que se constrúa un novo centro de infantil e primaria.


Na reunión do Consello Escolar Municipal celebrada hoxe (iniciada ás 12 horas e rematada pasadas as 13 horas) aprobouse entre outros aspectos unha resolución que rexeita as obras de ampliación aprobadas pola Consellería de Educación destinadas a incrementar o número de liñas, porque suporía a reducción da superficie do patio e daría como resultado un macro centro no que se dificultaría o labor educativo do profesorado. A resolución aprobada por unanimidade, foi presentada polo representante de CCOO nese órgano, Román Alonso Santos. A reunión, presidida polo concelleiro de educación, contou tamén coa presencia de catro representantes da FANPO, unha profesora representante da CIG, un profesor representante do CRA e o presidente da Asociación de Empresarios.

Na citada reunión deste órgano que ten un carácter consultivo aprobáronse ademais outros acordos destinados a mellora da situación escolar no concello.

ACHÉGASE O TEXTO LITERAL DA RESOLUCIÓN APROBADA
  • RESOLUCIÓN

Ó Consello Escolar Municipal de Ponteareas, reunido a 24-04-09, informado sobre as obras de reforma e ampliación que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia ten previsto realizar no CEIP Fermín Bouza Brey, tendo en conta a opinión manifestada vai un ano polo 83% do profesorado dese centro, aprobamos a seguinte resolución:
  1. Rexeitamos totalmente a construcción doutro edificio máis nese recinto escolar, destinado a incrementar o número de liñas e, en consecuencia, ó número de postos escolares, porque non só suporía a reducción importante da superficie do patio de recreo, senon que tamén dificultaría o labor educativo do profesorado no macro centro resultante.
  2. Solicitamos a reforma integral deste centro e o arranxo urxente de todas as carencias de infraestructuras, de instalacións, das condicións de habitabilidade e seguridade, das condicións arquitectónicas e técnicas, etc, que impiden o normal desenvolvemento da práctica educativa.
  3. Consideramos necesario dar unha solución inmediata ao problema da masificación do centro, debido tanto á elevada ratio por aula, como á saturación dos espazos, así como ao seu deterioro xeral, polo que consideramos que si é necesaria a creación dun novo centro de Educación Infantil e Primaria que atenda ás actuais necesidades e demandas sociodemográficas do Concello de Ponteareas.
  4. Solicitamos que polo presidente deste Consello Escolar se de traslado urxente desta resolución á Consellería de Educación.

Ponteareas, 24 de abril de 2009


Ningún comentario: