mércores, 13 de abril de 2011

Camisetas para 6º

O xoves día 14 de abril, virá o fotógrafo a retratar ás nenas e nenos de 6º para a confección da camiseta de fin de curso.
Lembrade vir guapiños e que sacar a foto non compromete a mercar a camiseta.

Todos aqueles que queiran unha, teñen que traer os cartos ese mesmo día e lles tomaremos nota da talla.

PREZOS
  • Socios: 5´50 €
  • Non socios: 11 €
Foto da camiseta do ano pasado (6ºA)

martes, 22 de marzo de 2011

A ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS DO C.E.I.P. BOUZA BREY LEVA ESPERANDO CASE DOUS MESES UNHA CITA COA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

Case dous meses despois de solicitar por escrito unha cita á Consellería de Educación, a ANPA Tea do xa desafortunadamente famoso Colexio Bouza Brey de Ponteareas aínda non ten data para reunirse con Xesús Vázquez, conselleiro da Xunta e un dos responsables do estado deste centro.

A cita, pedida formalmente por escrito o día 1 de febreiro deste ano e enviada mediante rexistro de entrada a través do Concello de Ponteareas, non foi contestada nin confirmada ata que a ANPA resolveu chamar para verificar se o escrito foi recibido. A secretaria da Consellería confirmou que así fora e dende entón comprométese cada semana a darnos cita, aínda que nunca o fai.

Isto non é nada novo:

  • 18 de Decembro de 2009 – 244 denuncias de pais e nais de alumnos á Consellería de Educación polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 – Denuncia da ANPA ao Concello polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 – Denuncia da ANPA á Diputación de Pontevedra polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 –Denuncia da ANPA á Xefatura Territorial polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 – Denuncia da ANPA á Consellería de Educación polo estado do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 18 de Decembro de 2009 – Solicitude da ANPA á Consellería de Sanidade dunha inspección sanitaria no CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 13 de Maio de 2010 – Solicitude da ANPA á Consellería de Educación dos planos de ampliación do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 7 de Xuño de 2010 – Reclamación da ANPA ao Concello pola explotación como aparcadoiro no corpus das instalacións do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 7 de Xuño de 2010 – Solicitude da ANPA ao Concello do acordo de explotación para aparcadoiro no corpus do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 7 de Xuño de 2010 – Solicitude da ANPA ao Concello das contas da recadación da explotación como aparcadoiro no corpus do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 13 de Outubro de 2010 – Solicitude da ANPA ao Concello dun técnico que delimite o espazo que ocupará o novo aulario nos terreos do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 10 de Xaneiro de 2011 - Solicitude da ANPA á Consellería de Educación dos planos de reforma do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 21 de Febreiro de 2011 – Solicitude da ANPA ao Concello do acordo de explotación para aparcadoiro no corpus 2010 do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 21 de Febreiro de 2010 – Solicitude da ANPA ao Concello das contas da recadación da explotación como aparcadoiro no corpus 2010 do CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA
  • 21 de Febreiro de 2011 – Solicitude ao Concello dunha inspección sanitaria por parte de persoal do ambulatorio no CEIP Fermín Bouza Brey. SEN RESPOSTA


Todas estas solicitudes, reclamacións e denuncias foron entregadas e seladas mediante rexistro de entrada no noso Concello e de todas elas temos comprobante. Non constan nesta relación a morea de chamadas telefónicas, avisos e peticións que facemos constantemente sen que as atendan, posto que non son comprobables.

Consideramos moi grave esta falla de seriedade e consideración para cos pais e nais desta vila de Ponteareas e esiximos ás Administracións que cumplan os trámites legais aos que teñen obriga. Tanto os representantes do Concello como os da Xunta esquecéronse que están ahi para servir aos cidadáns. Esta práctica continuada de ignorar os nosos requerimentos é unha clara mostra do máis absoluto desprezo a ésta asociación, e por extensión, aos pais dos alumnos aos que representa.

xoves, 17 de marzo de 2011

O QUE NOS FALTABA: O CEIP FERMÍN BOUZA BREY QUEDA SEN XIMNASIO

O derradeiro martes 14 de marzo, cando os cativos de 1º de primaria dispoñíanse a dar clase de Educación Física, atopáronse con numerosas pingueiras que alagaban o parqué do seu pequeno ximnasio.
Non puideron levar a cabo a súa materia favorita ese día, debido á chuvia e a non ter un patio cuberto.

O grave problema da cuberta do ximnasio, levámolo denunciando dende hai tantos anos coma levamos reclamando as melloras tan necesarias para o noso centro.

No noso ximnasio practican deporte medio centenar de escolares á vez (dúas unidades) por non dispor de máis espazo para esta materia e tendo ademais o dobre de alumnos/as para o que foi destinado.
Non só ten unha cuberta que non cubre e un dobre teito que agora mesmo corre o risco de derrube por posibles bolsas de auga, senón que ademais o chan de madeira está tan deteriorado (40 anos de uso continuado) que con estes charcos formados polas pingueiras pódese abrir baixo os pés de calquera cativo.

Con todo isto, o Concello só reaccionou cando onte o noso alcalde quedou sen argumentos ante as evidencias fotográficas do lamentable estado do centro que lle mostrou na rúa unha reporteira de informativos dunha importante cadea da televisión estatal.
Segundo testemuñas que se atopaban na zona, o Sr. Solla, animou á reporteira a que sacara no seu programa "o Corpus que é moi bonito e non esas cousas tan feas" referíndose ao estado do CEIP Fermín Bouza Brey.

Ante tanta desvergoña os pais e nais non podemos máis que seguir en pé de guerra esixindo unha educación de calidade, xa que cada día se confirma que estes políticos tanto da Xunta coma do Concello, non son nosos amigos nin están do lado da cidadanía como nos queren facer crer, senón que lles importan ben pouco os cativos dos colexios públicos da nosa vila e o demostran cada día.

luns, 31 de xaneiro de 2011

Asemblea Extraordinaria Aberta

A Asociación de Nais e Pais Tea, do C.E.I.P. Fermín Bouza Brey de Ponteareas, convócate a unha Asamblea Extraordinaria que se celebrará o vindeiro mércores 9 de febreiro de 2011 ás 19:30h en primeira convocatoria e ás 20:00h en segunda convocatoria, no Centro Social (Rúa Oriente), co seguinte

Orde do Día:

  1. Situación do Centro: resultados das derradeiras protestas e próximas medidas.
  2. Rogos e preguntas.


Dada a importancia e urxencia desta Asemblea, pregamos a asistencia de todos os socios e non socios.

mércores, 26 de xaneiro de 2011

Información aos socios/as usuarios da piscina municipal

Poñemos en coñecemento dos socios/as da ANPA que teñan aos seus nenos en actividades extraescolares na piscina ou no pavillón municipal, que no pago do seguinte recibo terán un desconto de 5 euros por actividade.
Este acordo foi promovido por esta ANPA co apoio das restantes ANPA´s dos colexios públicos.
Un saúdo.

Resposta ás falacias do Xefe Territorial

En resposta as falsedades verquidas polo Xefe Territorial, Sr. César Augusto Pérez Ares, en distintos medios de comunicación, a ANPA Tea do CEIP Fermín Bouza Brey co apoio da Federación de ANPA´s de Ponteareas

INFORMA:
  • que o Xefe Territorial utiliza uns datos completamente irreais das infraestruturas dos centros que supostamente son responsabilidade súa. En Educación só lles interesa aplicar as ratios totais nas aulas, sen recoñecer que éstas deben axustarse ás necesidades educativas dos nenos/as, aos agrupamentos de alumnos con diferentes idades nos centros de infantil do rural (nunha mesma aula habería nenos de 3, 4 e 5 anos) e tamén ao espacio físico que ocupan.
  • que se en realidade sobran 36 prazas no Bouza Brey, ¿por qué, ante o malestar dos pais e nais, deixou a unha ducia de alumnos na unitaria de Xinzo que deberían estar neste curso no Fermín Bouza Brey?
  • que se en realidade sobran 300 prazas no conxunto da vila, ¿por qué vai gastar os cartos en construir un aulario de 225 prazas no Bouza Brey cando pode usar ese diñeiro na reforma do centro actual?
  • que se en realidade os profesores e profesoras do Fermín Bouza Brey no 2008 non querían un colexio novo, e sí un engadido que restara espacio de recreo no centro, ¿por qué firmaron un manifesto no que pedían todo o contrario e do que teñen copia en Consellería de Educación?
César Augusto Pérez Ares con Nava Castro na Feira do Viño 2009

Queremos engadir que con censura, provocacións e falsedades, non vai a conseguir absolutamente nada coa cidadanía pontareán. Os pais e nais desta vila, cada día estamos máis motivados para seguir loitando polos dereitos dos nenos e nenas e dispostos a manter as protestas durante o tempo que faga falla. Non temos nada que perder, ao contrario dos responsables de Educación na Xunta, que xa perderon toda a súa credibilidade, aínda que lles molestará moito máis perder os votos.

sábado, 22 de xaneiro de 2011

Valoración dos actos de protesta na vila de Ponteareas

A ANPA Tea do CEIP Fermín Bouza Brey, e a Federación de Asociacións de Nais/Pais de Centros Públicos de Ponteareas (FANPO),

INFORMAN:

Que na pasada xornada do 21 de xaneiro, deuse cita diante do Concello a Comunidade Escolar de Ponteareas convocada dende a FANPO, a fin de percorrer as principais rúas da vila nunha manifestación que pretendía facer chegar ás Administracións o noso descontento. Este acto se considera o de maior afluencia realizado ata o de agora.
Do mesmo xeito foron convocados os paros escolares dos alumnos do CEIP Fermín Bouza Brey que se fixeron os días 18 e 20 de xaneiro, que foron secundados por 509 e 514 alumnos respectivamente neste Centro, e polos alumnos do CRA “A Picaraña” (Centros escolares do Rural de Ponteareas) que de 123 alumnos matriculados, faltaron un total de 91 e 96 nenos/as.
Valorando todos estes datos, o balance destas xornadas e claramente de apoio de toda a cidadania e forzas sociais de Ponteareas, ante a demanda dos pais e nais dos Centros Públicos do concello ante as Administracións tanto local como Autonómica de que é necesario a Reforma Integral do CEIP “Fermín Bouza Brey”, o mantemento continúo dos outros centros escolares e a desmasificación dos Colexios de Infantil e Primaria coa construcción dun novo CEIP.

Queremos enviar un mensaxe alto e claro ao responsable da Xefatura territorial, que fai as súas declaracións en prensa en vez de convocarnos para solucionar todos os problemas que ten a comunidade educativa no Concello de Ponteareas; que utiliza uns datos irreais completamente debido a un descoñecemento total das infraestructuras dos centros que supostamente son responsabilidade súa.
A Educación só lle interesa aplicar as ratios totais nas aulas, sen decatarse que éstas teñen que axustarse ás necesidades educativas dos nenos/as, aos agrupamentos de nenos con diferentes idades nos centros de infantil do rural (nunha mesma aula habería nenos de 3, 4 e 5 anos) e tamén ao espacio físico que ocupan.
Nesta vila, temos centros con aulas onde físicamente non caben máis de 10 nenos. Descoñecendo toda esta realidade, entón si que se poden facer esas valoracións.
Ainda así, se ao Xefe territorial lle saen 301 vacantes no concello, con só facer unha rezonificación, xa pode aforrar tamén os cartos que custa facer o aulario novo.

Decir tamén dende a FANPO, que a unidade da comunidade escolar na vila é total, ainda que se queira facer ver o contrario. Dende o colectivo do profesorado do CEIP “Fermín Bouza Brey”, xa se había posto en coñecemento da Consellería de Educación e O.U. en abril de 2008, a necesidade de reforma integral do Centro e masificación que tiña nese momento. Na actualidade, tres anos despóis, a degración e moito maior e a masificación empeza xa a afectar a outros centros que teñen xa a ratio completa, e uns servizos que son para un número inferior de alumnos/as.
Neste momento a Comunidade Escolar e todos os colectivos sociais da vila estamos aunados nunha mesma dirección e seguiremos facendo escoitar a nosa única voz en todos os frentes que se poidan abrir.

Damos as grazas a todos os que adicaron numerosas horas e traballo a facer posible estas convocatorias, e sobre todo a todas aquelas persoas (afectados ou non) que dispuxeron do seu tempo para asistir á manifestación ou apoiar os paros escolares.

Queremos resaltar a importancia de todos aqueles que prestaron a súa colaboración, ainda que o seu traballo en algunhas ocasións, como a pegada de carteis foi boicoteada, e éstes foron retirados pola algunha man negra.

Seguiremos traballando para que as persoas responsables en cada ámbito nos escoiten e vexan a necesidade de recibirnos e atender as nosas peticións debidamente, e si esto non fora así, botaremos man novamente das movilizacións.