mércores, 27 de agosto de 2014

Calendario Escolar 2014/2015

 
No 2º ciclo de educación infantil, na educación especial e na educación primaria, a impartición efectiva de clases realizarase do día 10 de setembro de 2014 ao 19 de xuño de 2015, ambos inclusive.

Períodos de vacacións
  • Nadal: desde o día 22 de decembro de 2014 ata o día 7 de xaneiro de 2015, ambos inclusive.
  • Entroido: días 16, 17 e 18 de febreiro de 2015.
  • Semana Santa: desde o día 30 de marzo ata o 6 de abril de 2015, ambos inclusive.
Conmemoracións

1.-Durante o curso escolar celebraranse, como mínimo, as seguintes conmemoracións:
  • 25 de novembro de 2014: Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
  • Do 1 ao 11 de decembro de 2014: *conmemoración da Constitución e do Estatuto de Autonomía de Galicia.
  • 10 de decembro de 2014: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
  • 30 de xaneiro de 2015: Día Escolar da Non Violencia e a Paz.
  • 8 de marzo de 2015: Día Internacional da Muller Traballadora.
  • 15 de marzo de 2015: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.
  • Do 9 ao 13 de marzo de 2015: Semana da Prensa. Un día desta semana traballarase no aula con xornais.
  • Entre o 13 e o 30 de abril de 2015: Día do Libro.
  • 7 de abril de 2015: Día Mundial da Saúde.
  • 9 de maio de 2015: Día de Europa.
  • Do 7 ao 17 de maio de 2015: Semana das Letras Galegas.
  • 5 de xuño de 2015: Día Mundial do Medio Ambiente.
2.-De conformidade co establecido no artigo 26.2 da Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia (DOG de 25 de abril), para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual, os centros docentes sostidos con fondos públicos poderán realizar actividades específicas próximas ás datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo do dereito destas persoas.

3.-Cando algunha das datas a que se refiren os puntos anteriores sexa sábado, domingo, festividade local ou estea incluída nalgún dos períodos de vacacións establecidos no artigo 6 desta orde, a correspondente conmemoración celebrarase o día lectivo inmediatamente anterior ou posterior segundo estableza a programación xeral anual.

4. As datas ás que se refiren os puntos 1 e 2 son lectivas para todos os efectos e nelas os centros deberán organizar actividades diversas, tendentes a destacar a importancia das referidas conmemoracións.
 
Máis información: DOG nº 120

venres, 16 de maio de 2014

Campamento de Verán


Descárgate xa a solicitude e non perdas a túa praza no Campamento de Verán da ANPA Tea. 
Nº de conta IBAN: ES42 2080 5056 1330 0022 6993


venres, 25 de abril de 2014

Avaliación Diagnóstica

A avaliación diagnóstica é un conxunto de probas ou exámes sen efectos académicos, e dicir, que non se van ter en conta nas notas finais do alumnado.

O centro tomará decisións importantes (atención do alumnado, desenvolvemento curricular, etc.) en función dos resultados.

A Consellería de Educación decide cada curso as competencias básicas a evaluar, que este curso 2013/2014 serán:
  • Comunicación lingüistica.
  • Competencia matemática.
  • Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico.
Realizaránse os días 27 e 28 de maio no 4º curso de primaria.

Deixámosvos a ligazón á resolución do DOG sobre este tema: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140203/AnuncioG0164-270114-0001_gl.pdf

BANCO DE LIBROS

Dende a ANPA Tea e por segundo curso consecutivo, estamos a organizar o Banco de Libros de Texto. O obxectivo é aproveitar ao máximo os libros que aínda estean vixentes e poidan ser reutilizados para o vindeiro curso escolar. Para acadalo precisamos da vosa valiosa colaboración.

Funcionamento do Banco:

  • As familias achegarán os libros ao local da ANPA do centro co impreso cuberto que se achega.
  • Os libros deben estar en bo uso, de 3o de primaria en diante. Tamén pódense recoller libros de lectura obrigada.
  • A antigüidade máxima será de catro cursos.
  • Deben estar vixentes para o curso 2014-2015.
  • As datas de entrega de libros serán dende o 23 ao 27 de xuño en horario de 10 a 12 da mañá.
  • A ANPA fará os lotes segundo os criterios que veñen a continuación e as familias virán recollelos ao noso local.
  • As datas de recollida de libros serán dende o 30 de xuño ao 4 de xullo en horario de 10 a 12 da mañá.
  • A ANPA non se compromete a entregar a totalidade dos libros solicitados.
 
Criterios de adxudicación:

  1. Familias con informe favorable e usuarias de Ponte Solidario con especiais dificultades económicas.
  2. O resto repartiráse entre as familias que resten por orde de inscripción.
MOITAS GRAZAS POLA VOSA AXUDA

O CONSELLEIRO ANUNCIA O MANTEMENTO DOS LIBROS DE TEXTO PARA O VINDEIRO CURSO EN CONCORDANCIA COA RECLAMACIÓN FEITA POLA PLATAFORMA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO

A Plataforma en defensa do Ensino Público conformada por CCOO, FETE-UGT, CONFAPA, Sindicato de Estudantes, IESGA e Escola Viva congratulase coas manifestacións feitas o mércores en sede parlamentaria polo Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, nas que entre outros asuntos manifestaba o mantemento dos libros de texto para o vindeiro curso entendendo que "hai marxe para que os novos contidos poidan ser adaptados nas aulas".
 
Desde a Plataforma en Defensa do Ensino Público iniciaramos una campaña para que os Consellos Escolares dos centros se manifestaran en contra do cambio dos manuais para o vindeiro curso na liña de que os cambios que se plantexaban coa implantación da LOMCE non repercutiran na xa de por si maltreita economía das familias. Convén lembrar que esta campaña conta coa numerosa adhesión de Consellos Escolares dos centros educativos galegos que xa aprobaron resolucións nese sentido a instancia da nosa Plataforma.

A Campaña que tamén se fixo extensiva aos Consellos Escolares Municipais e conta co apoio dos mesmos. O máis inmediato é o caso do CEM de Lugo, que onte aprobou unha resolución contraria ao devandito cambio.

Asemade os conselleiros da Comisión Permanente do Consello Escolar de Galicia pertencentes ás organizacións que conforman a Plataforma en Defensa do Ensino Público xa solicitaramos unha xuntanza da devandita comisión para debater unha resolución contraria ao cambio de libros de texto para o vindeiro curso instando á potenciación dos bancos de libros e as bibliotecas de aula.

Malia que nos congratulamos coa decisión tomada polo Conselleiro, desde a Plataforma en Defensa do Ensino Pública, queremos facer constar que continuaremos a esixir o completo financiamento do ensino público con fondos públicos, reclamando a recuperación da gratuidade dos libros de texto e a potenciación de alternativas como os bancos de libros ,xa creados en numerosos centros, que deben seguir sendo usados porque supoñen un capital social que debe ser respectado e defendido.

Así mesmo emprazamos ao Conselleiro a entablar un diálogo que nos permita facerlle chegar o noso posicionamento noutras cuestións que son inherentes ao desenvolvemento e implantación da LOMCE na nosa comunidade.

luns, 21 de abril de 2014

Asemblea Extraordinaria


PARA SOCIAS E SOCIOS

O vindeiro xoves, 24 de abril de 2014, no propio centro e ás 18:30 en primeira convocatoria e ás 19:00 en segunda convocatoria.

Orde do día:
  1. Mantemento dos libros de texto para o vindeiro curso e banco de libros.
  2. Avaliación diagnóstica.
  3. Información sobre canles regulados para reclamacións, suxestións e dúbidas.
  4. Colaboración con Ponte Solidario.
  5. Varios.
Este é o momento de facerte escoitar e participar nas decisións da túa asociación, polo que pregamos a túa asistencia.


martes, 18 de marzo de 2014

Información sobre o pasado Festival de Entroido

Como sabedes, o derradeiro día 28 de febreiro, celebrouse o festival de Entroido no CEIP Fermín Bouza Brey. Ante a inestabilidade do tempo, foi cancelada unha das catro actividades complementarias previstas para ese día: o desfile.

Ante o manifesto malestar dalgúns pais e nais, queremos informar dos seguintes puntos:
  1. O equipo de coordinación organiza os festivais en función da climatoloxía.
  2. O noso centro, é o único da vila sen patio cuberto e está nos primeiros postos de toda Galicia en número de alumnos/as, tal como esta ANPA leva denunciando dende vai tempo.
  3. A decisión de cancelar o desfile foi tomada dende un nivel pedagóxico, de seguridade e salubridade, tendo sempre como único interese o benestar dos cativos.
  4. O desfile estaba previsto para as 12 da mañá e avisouse as 11 da súa cancelación ás familias que esperaban na porta, ás que chamaron por teléfono e tamén mediante un cartel.
  5. O festival non é para as familias, estas son invitadas. O festival é para o alumnado.
  6. As reclamacións, suxestións ou calquera outra consideración que os pais e nais queiran facer, teñen que seguir os canles adecuados: a través da ANPA ou de dirección.
  7. O equipo de coordinación vai revisar a política de participación das familias como consecuencia do comportamento inadecuado dalgúns pais e nais.
Para rematar, queremos que teñades en conta que cando as familias entran no centro, non se lles pide documentación. Nunca podemos estar seguros de quen é quen. Imaxinade a un delincuente accedendo libremente aos vosos fillos e fillas. Iso é o que se tenta evitar.

Por outra banda, lembrade que nós estamos aquí para representarvos, para informar e para solucionar os problemas da mellor forma posible.