xoves, 18 de outubro de 2012

A ANPA Tea celebra o exito acadado pola folga de nais e pais no CEIP Fermín Bouza Brey


A Asociación de nais e pais de alumnos/as Tea, do CEIP Fermín Bouza Brey celebra o éxito da folga de aulas baleiras no seu centro, onde somentes asistiron nesta xornada 149 nenos e nenas dos cerca de 620 que ten matriculados a escola. Isto supón un 75% de seguimento da folga por parte das nais e pais do CEIP Fermín Bouza Brey.

Unha vez mais, os pais e nais deixamos claro a nosa repulsa aos recortes que se están levando a cabo no ensino público. Non queremos á nova lei do ministerio de educación, non queremos recortes no ensino público, non queremos que se beneficie á escola privada e segregadora por riba da nosa, a de todos e todas.

A Xunta Directiva desta asociación quere expresar o seu cariño e agradecemento a todos aqueles que se suman a estas protestas en favor do ensino público e non deixan o futuro dos seus cativos en mans do ministerio de educación. Xuntos podemos!

Escola Pública de tod@s e para tod@s!

luns, 15 de outubro de 2012

18O - FOLGA DE NAIS E PAIS

CEAPA considera que a gravísima situación actual demanda unha resposta contundente do alumnado e as súas familias. Estamos ante un ataque sen precedentes aos dereitos do alumnado e das familias, con recortes salvaxes na educación española que, no contexto actual, agrávanse pola coincidencia con outras medidas igualmente inaceptables.

Arrincamos un curso escolar que superou con fartura os peores prognósticos e chegou o momento de que o alumnado e as familias, ademais de seguir realizando mobilizacións conxuntas co resto da Comunidade Educativa, eleven a súa voz para dicirlle ao Goberno Central, e aos Autonómicos que seguen a súa senda, que chegaron ao momento de non retorno e que non estamos dispostos a tolerar nin unha soa medida máis.

O alumnado e as súas familias están soportando recortes en todas as partidas, que non fan outra cousa que castigar as xa maltreitas economías familiares, abocando ao abandono educativo a moitos alumnos por cuestións económicas. É intolerable e debemos cambiar radicalmente as medidas que se están tomando.

Sobran os motivos, pero queremos resaltar especialmente que o alumnado e as familias mobilizámonos conxuntamente porque:
  • Non aceptamos un novo cambio de Lei educativa. A sociedade española está cansada de que cada novo Goberno empéñese en modificar a lexislación educativa, máxime se, como ocorre agora, faise sen contar cos diferentes sectores buscando cambiar o actual modelo social e satisfacer consignas ideolóxicas.
  • Non aceptamos que se nos amenta para xustificar unha reforma do sistema educativo español tergiversando datos e facendo xuízos de valor que non están baseados en datos fiables e contrastados.
  • Non aceptamos que se desmantele a educación pública para beneficio exclusivo da iniciativa privada, desviando os fondos públicos para financiar entidades privadas, moitas de dubidosa legalidade, que ata se atreven a vulnerar a Constitución Española coa conivencia de quen deberían cumprir e facer cumprir o marco legal vixente.
  • Non aceptamos que haxa nenos e nenas que pasen fame nos centros educativos, máxime tendo en conta que contribuíu a iso que determinados responsables políticos decidan retirar as axudas ás súas familias xusto cando en tan só dous anos a cifra de pobreza infantil en España creceu un 10%, sumando 205.000 menores de 18 anos que viven en fogares que están por baixo do limiar da pobreza aos máis de dous millóns que xa existían, incremento que é consecuencia do acoso e derriba ao que están sometidos os dereitos dos cidadáns españois.
  • Non aceptamos que se eliminen todo tipo de axudas ao alumnado e as familias, increméntense as cotas e as taxas, ata creándoas onde non existían, incumprindo o mandato constitucional da gratuidade do ensino e o dereito de acceso en igualdade de condicións, chegando a ser habitual que os nenos non dispoñan dos libros de texto e o material curricular necesario para exercer o seu dereito á educación.
  • Non aceptamos que os irresponsables políticos que nos gobernan sigan insultando ao profesorado que ensina ao alumnado español, que goza do respaldo das familias españolas e do alumnado co que conviven diariamente, nun ataque sen precedentes á figura do funcionario público e dos interinos, aos que se trata en ambos os casos coma se fosen bonecos de feira, co único obxectivo de pór a educación en mans da empresa privada e, con iso, de precarizar a profesión docente.
  • Non aceptamos que o Goberno central, e os autonómicos que secundan as súas directrices con alegría, sigan desprezando ao alumnado e as súas familias, o que demostran coas súas actuacións e coas súas manifestacións públicas. Esquécense de que son os nosos servidores e non os nosos ditadores.

En definitiva, o alumnado e as familias dicimos "ata aquí chegamos", e esiximos:
  1. O cesamento fulminante do Ministro Wert e de todo o seu equipo.
  2. A retirada inmediata do inaceptable anteproxecto de reforma da LOE.
  3. A paralización inmediata de todas as medidas de recorte e desmantelamento da educación española.
  4. E a apertura, cun novo equipo ministerial, dun proceso real de diálogo cos diferentes sectores da Comunidade Educativa para buscar, entre todos, o consenso necesario para mellorar, de verdade, a educación española.

E, xa que logo, convocamos ás familias a sumarse á semana de loita que foi convocada polo Sindicato de Estudantes, que se desenvolverá entre os días 15 e 19 de outubro, implicándose nela para que sexan actuacións conxuntas do alumnado e dos pais e nais. 
 Facemos un chamamento especial ás familias para que realicen o día 18 de outubro unha folga de pais e nais, consistente en baleirar os centros educativos de todo o país, non levando aos nosos fillos e fillas a devanditos centros para defender os seus dereitos.

Así mesmo, pedímosvos que facilitedes a posibilidade de que, sos ou co voso acompañamento segundo as idades e maduración dos vosos fillos e fillas, poidan estes participar das manifestacións de estudantes que se celebrarán na mañá do día 17 e, todos xuntos, facelo tamén nas que se realizarán na tarde do día 18. De igual forma, pedímosvos que formedes parte das Asembleas que se convoquen e dos piquetes informativos que se realicen.

chegou o momento de que deamos unha mensaxe clara sobre que as cousas chegaron ata onde nunca deberían habelo feito e que non estamos dispostos a que sigan por ese camiño.

CEAPA
Madrid, 10 de outubro de 2012

venres, 8 de xuño de 2012

Derradeiros días para inscribirse no Campamento de Verán

Estimada nai, estimado pai:

Comprobando o éxito acadado en nº de alumnos/as que participarán no Campamento de Verán da ANPA Tea, alongaremos o periodo de inscripción debido ao festivo local.
Non nos gustaría que ningún neno ou nena quedara fora e tendo xa formados dous grupos, poderíamos formar un terceiro.
Así que aínda estás a tempo de inscribir ao teu fillo ou filla. Membros da ANPA estaremos no centro organizando o aparcadoiro do corpus dende as 20:00 do sábado 9 ata as 14:00 do domingo 10. Teremos alí os impresos de inscripción para todos aqueles que queiran pasar a recollelos.

luns, 4 de xuño de 2012

Campamento de Verán

A ANPA Tea do CEIP Fermín Bouza Brey organiza un campamento en horario de mañán no propio centro. As inscripcións poden ser por mes completo ou por quendas. O grupo mínimo será de 15 nenos/as.

IDADE: de 3 a 12 anos.
DURACIÓN: do 2 ao 31 de xullo (en dúas quendas).
HORARIO: de 09:00 a 14:00.
ACTIVIDADES:
  • Obradoiros de reciclaxe creativo, medioambientais, xogos tradicionais.
  • Actividades circenses e clown.
  • Xogos de auga.
  • Baile moderno.
  • Cociña creativa.
TARIFAS: 100€ mes completo // 50€ quenda.
DATA LÍMITE INSCRIPCIÓN: 11 de xuño.

Poden recoller as follas de inscripción no local da ANPA o luns 4 de xuño pola mañán ou o martes 5 de 16:00 a 17:00. Para entregalas, no buzón da ANPA sito ao carón da porta do centro.
Calquera cuestión, non dubiden en poñerse en contacto con nos, estamos para axudarlles.

xoves, 31 de maio de 2012

ALUMNADO DO CEIP FERMÍN BOUZA BREY DE PONTEAREAS CONSEGUE IMPORTANTES POSTOS EN REPUTADOS CONCURSOS DE MATEMÁTICAS E XADREZ


A ANPA Tea felicita a todos os participantes nas distintas competicións celebradas nos derradeiros días e destaca o esforzo dos alumnos e alumnas do CEIP Fermín Bouza Brey. Estamos orgullosos do nivel de participación do noso centro e vemos como nosa obriga salientar a formación educativa que o alumnado recibe nos CENTROS DE ENSINO PÚBLICO.

XXIV Peón de Oro é un Torneo do Circuito Escolar. Celebrouse en Mondariz Balneario o 19 e 20 de maio. Na categoría prebenxamins, o 3º posto e trofeo de Peón foi para Daniel Lorenzo e o 4º posto e trofeo de Peón foi para Rubén Tielas.

O Campeonato Zonal de Pontevedra Sur xugouse en decembro de 2011 en Nigrán, foi organizado polo club de xadrez Laroca. Na categoría prebenxamins o 3º posto e trofeo foi para Daniel Lorenzo.

No Torneo III Pontexadrez ao aire libre (Torneo do circuito escolar) xogado en Pontevedra o 29 de maio e organizado pola Escola Provincial de Xadrez na que participaron más de 300 xogadores/as, Rubén Tielas quedou no posto 10º na súa categoría (prebenxjamins).

Por outra banda, no XII Rebumbio Matemático celebrado en A Coruña con participantes de toda Galicia, Iago Barros Domínguez, Anxo Fernández Costas e Marta Varela Varela de 6º curso acadaron un terceiro posto na fase final do concurso.

Aínda que os e as protagonistas, para nos sempre son os nenos e nenas, queremos felicitar a Félix, Isabel, Ángeles, Hortensia e Yudania, que como mestre e mestras, conservan a ilusión que lles permite conquerir a súa labor profesional e demostrar a calidade de ensino que levan a cabo na Educación Pública.

venres, 18 de maio de 2012

FOLGA XERAL DO ENSINO 22M


Pomos no seu coñecemento que na Asamblea Xeral Extraordinaria da FANPO (Federación de ANPAs de Centros de Ensino Públicos de Ponteareas), celebrada o 26 de abril e a cal pertencemos, acordouse o apoio ás Plataformas pola Defensa do Ensino Público e as súas mobilizacións.

Este apoio se produce debido ao rexeitamento da Comunidade Escolar á aplicación do Real Decreto-Lei 14/2012, publicado polo goberno do Estado, e a esixir da Consellería de Educación que non aplique en Galicia ningún dos recortes contidos neste RD Lei e que recorra ante o organismo competente a invasión de competencias que en materia de ensino ten a Xunta de Galicia.

Estes recortes afectarán nos Centros do noso Concello producindo:

  • Masificación dos alumnos nas aulas.
  • Reducción do número de profesorado, polo que se verán obrigados a impartir materias diferentes a súa especialidade.
  • Non substitución das baixas dos profesores ata despóis de dúas semanas, ainda que a baixa sexa de longa duración.
  • Se paraliza a implantación de novos ciclos de F.P. (Tan necesarios en Ponteareas).
  • Incremento de requisitos para acceder ás Bolsas de Estudos.
  • Incremento das taxas universitarias, nalgunhas titulacións ata un 50% máis.
  • Orzamentos para investigacións universitarias mínimas ou casi nulas.
É por todo isto que pensamos que dende o colectivo de PAIS/NAIS, debemos facernos escoitar e REXEITAR totalmente a implantación destas medidas, así como calquera recorte orzamentario que pretendan aplicar, xa que consideramos que neste intre os recursos son totalmente insuficientes.

Solicitamos pois, o apoio masivo da Comunidade Escolar a fin de asistir á Manifestación organizada pola FANPO, que sairá o vindeiro martes día 22 de maio a partires das 20.00 horas dende o Concello cun percorrido polas rúas principais de Ponteareas, independentemente de que os distintos sectores do ensino (alumnado, profesorado, persoal non docente) secunde ou non a xornada de folga convocada por algúns dos sindicatos para ese día.

luns, 14 de maio de 2012

Camisolas 6º

Pensando no fin do curso actual e para que os nenos e nenas de 6º teñan unha lembranza do seu paso polo noso centro, a ANPA Tea porá a disposición do que o desexe, unha camisola conmemorativa coa fotografía de todos os compañeiros/as da clase. O custo será de 6 € para os socios e de 12 € para os non socios. Pregamos que os cartos sexan enviados polos nenos e se recollerán os días 18 e 21 de maio durante o recreo na aula prefabricada.