Despois de que o curso pasado quedáramos sen a cuberta da pista polideportiva do CEIP Fermín Bouza Brey e dos reiterados compromisos do Concello de que este ano teriámola rematada antes de que comezara o curso, asistimos coa decepción que da o costume a que non só non está rematada xa comezado o curso, senón que ademais non se vai a rematar.
A escusa deste curso -segundo a concelleira de ensino- é que “a empresa construtora atopou problemas que non foran orzados e o diñeiro non chega para rematar a obra”. Estes problemas, sempre segundo Cristina Fernández, pasan pola consistencia e características do terreo. Algo que polo visto, non previron.
Así, de momento, o alumnado do centro non conta cun patio cuberto rematado. Co que si conta é cun espazo menos de recreo, xa que a obra está precintada para que non pisen por riba.
Para atallar este problema, a solución do concello pasa porque as familias fagamos presión á Xunta para que esta asuma o custe do remate das obras, 6.000€ aproximadamente, mentres que a dirección do centro plantexa un crédito bancario.
Lembremos que o orzamento total desta obra (orzamento que figura nos documentos) ascendeu a 188.277,02€ e foi asumido na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra. Ninguén nos informou de porqué no panel colocado no centro figura como orzamento 180.653€, case 8.000€ menos.
Lembremos tamén que na PROPOSTA DA ALCALDÍA SOBRE APROBACIÓN DA MODIFICACIÓN DO PROXECTO DE AMPLIACIÓN E CUBRICIÓN DA PISTA POLIDEPORTIVA CEIP FERMÍN BOUZA BREY presentada en febreiro deste ano e aprobada pola Deputación de Pontevedra en maio, consta a imposibilidade de montar gradas, e citamos textualmente: “Una vez procedido el levantamiento topográfico de las instalaciones del CEIP Fermín Bouza Brey y a la elaboración del estudio geotécnico que permitiese conocer las características del terreno, se constató que no resultaría posible crear ese espacio […] por tratarse de un terreno muy irregular y con escasa capacidad portante”, polo que non entendemos que despois dos estudos do terreo, non previran os problemas que agora esgrimen como escusa.
Entendemos que cando se realiza un contrato do Sector Público, a responsabilidade recae entre a empresa contratada e a administración que a contrata (neste caso o Concello de Ponteareas). Por enésima vez, vemos a irresposabilidade e falta de compromiso coas familias deste centro.