Arrincamos un curso escolar que superou con fartura os peores prognósticos e chegou o momento de que alumnos e alumnas, nais e pais, ademais de seguir realizando mobilizacións conxuntas co resto da Comunidade Educativa, elevemos as nosas voces para dicirlle ao Goberno Central, e ao Autonómico que seguimos a nosa senda, que chegamos ao momento de non retorno e que non estamos dispostos a tolerar nin unha soa medida de retroceso máis.
O alumnado e as súas familias están soportando recortes en todas as partidas, que non fan outra cousa que castigar as xa maltreitas economías familiares, abocando ao abandono educativo a moitos alumnos e alumnas por cuestións económicas. É intolerable e debemos cambiar radicalmente as medidas que se están a tomar.
Sobran os motivos, pero queremos resaltar especialmente que o alumnado e as familias mobilizámonos conxuntamente porque:
- Non aceptamos un novo cambio de Lei educativa. A sociedade está cansada de que cada novo Goberno se empeñe en modificar a lexislación educativa, máxime se, como ocorre agora, faise sen contar cos diferentes sectores buscando cambiar o actual modelo social e satisfacer consignas ideolóxicas.
- Non aceptamos que se nos minta para xustificar unha reforma do sistema educativo terxiversando datos e facendo xuízos de valor que non están baseados en datos fiables e contrastados.
- Non aceptamos que se desmantele a educación pública para beneficio exclusivo da iniciativa privada, desviando os fondos públicos para financiar entidades privadas, moitas de dubidosa legalidade, que ata se atreven a vulnerar a Constitución coa conivencia de quen deberían cumprir e facer cumprir o marco legal vixente.
- Non aceptamos que haxa nenos e nenas que pasen fame nos centros educativos, máxime tendo en conta que contribuíu a iso que determinados responsables políticos decidan retirar as axudas ás súas familias xusto cando en tan só dous anos a cifra de pobreza infantil en España creceu un 10%, incremento que é consecuencia do acoso e derriba ao que están sometidos os dereitos de tódolos cidadáns.
- Non aceptamos que se eliminen todo tipo de axudas ao alumnado e as familias, incrementándose e mesmo creando novas taxas, incumprindo o mandato constitucional da gratuidade do ensino e o dereito de acceso en igualdade de condicións, chegando a ser habitual que os nenos non dispoñan dos libros de texto e o material curricular necesario para exercer o seu dereito ó ensino.
- Non aceptamos que os irresponsables políticos que nos gobernan sigan insultando ao profesorado, que goza do noso respaldo e do alumnado co que conviven diariamente, nun ataque sen precedentes á figura do funcionario público e dos interinos, aos que se trata en ámbolos casos coma se fosen bonecos de feira, co único obxectivo de pór a educación en mans da empresa privada e, con iso, de precarizar a profesión docente.
- Non aceptamos que o Goberno central, e o autonómico que secunda as súas directrices con alegría, sigan desprezando á comunidade educativa, o que demostran coas súas actuacións e coas súas manifestacións públicas. Esquécense de que son os nosos servidores e non os nosos ditadores.
- Non aceptamos que haxa centros públicos ou concertados que impartan a escolarización completa somentes en castelán nin que o Estado pague con fondos públicos a escolarización en centros privados daqueles alumnos que queiran recibir educación en español. Este borrador é unha ofensiva contra o galego que deixa a lingua propia como residual no ensino.
- Non aceptamos que se rescate unha alternativa para a materia de Relixión, cedendo así ás reivindicacións da Conferencia Episcopal, que pretende evitar que moitos alumnos fuxan da materia. O borrador sinala que entre as materias específicas os alumnos de primaria deberán cursar ou ben Relixión ou ben Valores Culturais e Sociais, a elección dos pais ou titores. No caso de secundaria, a alternativa será entre Relixión e Valores Éticos. Na actualidade, a relixión é unha materia de oferta obrigatoria por parte dos centros e voluntaria para o alumno.
En definitiva, o alumnado e as familias dicimos "ata aquí chegamos", e esiximos:
- O cesamento fulminante do Ministro Wert e de todo o seu equipo.
- A retirada inmediata do inaceptable anteproxecto de reforma da LOE.
- A paralización inmediata de todas as medidas de recorte e desmantelamento do ensino público.
- E a apertura, cun novo equipo ministerial, dun proceso real de diálogo cos diferentes sectores da Comunidade Educativa para buscar, entre todos, o consenso necesario para mellorar, de verdade, o ensino público.
Deste xeito, convocamos ás familias e ao alumnado de Ponteareas e a súa Comarca a sumarse á concentración de protesta que convoca a FANPO o vindeiro 13 de decembro, ás 19.00 horas diante do Concello de Ponteareas, a fin de que masivamente fagamos unha protesta firme ante a situación que atravesa o noso sistema de ensino público.
Facemos un chamamento especial ás familias para que acudan sen ningunha vacilación a fin de reclamar e defender os dereitos do alumnado actual e futuro.
Asemade cada ANPA convocará á súa comunidade educativa (pais/nais, alumnado e profesorado), a fin de realizar protestas ou mobilizacións diante dos Centros Educativos o mesmo día 13 de decembro ás 12.00 horas.
Chegou o momento de que transmitamos unha mensaxe clara de que estas medidas chegaron ata o límite e que non estamos dispostos a que sigan por ese camiño.
Facemos un chamamento especial ás familias para que acudan sen ningunha vacilación a fin de reclamar e defender os dereitos do alumnado actual e futuro.
Asemade cada ANPA convocará á súa comunidade educativa (pais/nais, alumnado e profesorado), a fin de realizar protestas ou mobilizacións diante dos Centros Educativos o mesmo día 13 de decembro ás 12.00 horas.
Chegou o momento de que transmitamos unha mensaxe clara de que estas medidas chegaron ata o límite e que non estamos dispostos a que sigan por ese camiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario