Comedor




En setembro de 2015 notificáronnos dende a dirección do centro, da apertura dun comedor escolar. De feito, enviouse unha circular ás familias para que solicitaran ser beneficiarias do servizo durante este curso 2015/2016. Desta nova tamén informou logo a concelleira de educación na asemblea de familias asociadas que celebrou a ANPA Tea este curso, o 30 de setembro de 2015. Asegurou que podería ser xestionado polo concello mentres se tramitaban as solicitudes á Xunta para a súa posterior xestión. O 27 de outubro de 2015, nun Consello Escolar, nos comunica que en poucos días rematarán as obras e xa se poderá abrir o servizo. 

Solicitude para o servizo de comedor escolar.

---------------------------------------------------------------------
 
En xaneiro de 2016, vendo que as obras non remataban, o servizo de comedor non se puña en funcionamento, e ante a falta de información ás familias sobre este tema, decidimos facer unha intervención plenaria para solicitar ao concello respostas claras sobre o comedor escolar. Foi no pleno do 19 de xaneiro ás 00:00.

O día 26 de xaneiro recibimos esta contestación: 

Chamounos poderosamente a atención este cambio de rumbo do concello, que xa descartaba totalmente a xestión do servizo. Non entendemos este cambio de actitude nin por que non informaron ás familias.


---------------------------------------------------------------------

O 17 de febreiro de 2016 unha representación da Comunidade Educativa (ANPA e dirección do centro) mantivo unha xuntanza co alcalde, concelleira de ensino e concelleira de urbanismo.

Os e as representantes do concello, reiteran a súa negativa a xestionar o servizo de comedor e nos piden que os apoiemos na súa reivindicación de que sexa xestionado pola Consellería de Educación e OU. Dende a ANPA transmitimos que ás nosas prioridades son:

  1. A apertura do comedor escolar no curso 2016-2017 coas instalacións precisas esixidas.
  2. Bonificacións totais dos prezos públicos co obxecto de facilitar ao alumnado con dereito o acceso a este servizo.
Nos aseguran que a única modalidade que pode garantir as bonificacións é a modalidade c) Xestión indirecta da consellería con competencias en materia de educación a través da concesión do servizo, é dicir, que o servizo sexa xestionado pola consellería dándolle a concesión a unha empresa privada de cáterin, tal como se ven facendo no CEIP Ramiro Sabell Mosquera.

Despois desta xuntanza e das indagacións precisas, a ANPA Tea coñece polo DECRETO 132/2013, do 1 de agosto que existen outras modalidades que garanten as bonificacións, das cales, as máis interesantes son:

  • a) Xestión directa da consellería con competencias en materia de educación, consistente na elaboración por persoal laboral da Xunta de Galicia dos menús nas dependencias do centro escolar, onde serán consumidos exclusivamente por comensais do devandito centro ou, no seu caso, por comensais pertencentes a centros próximos autorizados para o efecto. Igualmente, considérase xestión directa da consellería o suposto en que a comida elaborada nun centro polo persoal de cociña propio sexa consumida nas dependencias doutro, ao que sexa transportada mediante a contratación dunha empresa especializada. (Esta modalidade préstase especialmente ao noso interese, xa que temos un centro a escasa distancia que ten cociña e comedor xestionado pola consellería -o CEIP Virxe dos Remedios- que soamente tería que preparar os menús do noso alumnado para ser transportados ata o noso centro para consumilos no noso comedor.)
  • d) Xestión do comedor escolar por administracións públicas distintas da Xunta de Galicia, responsables da contratación e xestión integral do servizo, mediante a subscrición, no seu caso, de convenios de colaboración para tal efecto. (Esta modalidade consiste nunha colaboración mediante convenio, entre -por exemplo- o concello e a consellería, para que o concello xestione o servizo e a consellería poña os cartos das bonificacións. http://www.edu.xunta.es/portal/es/node/16610

---------------------------------------------------------------------


O martes 15 de marzo de 2016 o pleno municipal de Ponteareas aprobou por unanimidade os seguintes acordos relativos ao comedor escolar do CEIP Fermín Bouza Brey:

  1. Solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, se implante o servizo de Comedor Escolar no CEIP Fermín Bouza Brey a partires do curso escolar 2016/2017, xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na súa modalidade c) segundo se desprende do Decreto 132/2013 do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería con competencias en materia de Educación, no seu artigo 2.1.
  2. Solicitamos asemade manter un encontro coa Xefatura Territorial, na que participarían tamén a ANPA e a dirección do centro a fin de poder tratar esta necesidade tan perentorio para as familias do citado centro escolar.
  3. No caso de que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria non acepte ou non se pronuncie á solicitude do primeiro punto, solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, se implante o servizo de Comedor Escolar no CEIP Fermín Bouza Brey a partires do curso escolar 2016/2017, xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na súa modalidade “d)”, para que sexa o Concello de Ponteareas quen xestione e organice este servizo, recaendo a financiamento na Consellería de Educación mediante un convenio de colaboración, segundo se desprende do Decreto 132/2013 do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería con competencias en materia de Educación, no seu artigo 2.1. En todo caso o Concello garantirá o servizo de comedor escolar para o curso 2016/2017.
Os dous primeiros puntos foron proposta da xunta de goberno e o terceiro foi proposto pola oposición. É destacable que a xunta de goberno votou a favor deste punto logo de que a concelleira de ensino pregara a súa eliminación do documento. Outra actitude que non comprendemos.

---------------------------------------------------------------------


O día 21 de abril volvemos ter unha xuntanza coa concelleira de ensino. Nos informa da proposta da consellería para asinar un convenio de colaboración por dous anos dentro da modalidade d) e que nunha reunión mantida co Xefe Territorial e Inspectora de zona (a nós non nos convidaron) lles notifican que dende a xunta outorgarían unha cantidade equivalente a 2€ por comensal ata 99 comensais e irían baixando esta cantidade a maior número de comensais. O concello non está conforme con esta cantidade e van solicitar unha xuntanza co conselleiro de educación para negociar os cartos. Fannos saber que se eles xestionan o servizo non van poñer nin un euro e todo o que exceda a subvención da consellería terán que pagalo as familias nos menús. Volven solicitarnos medidas de presión para que a xunta poña máis diñeiro.

---------------------------------------------------------------------


O día 3 de maio chámanos por teléfono a concelleira para comunicarnos que ten unha xuntanza ás 14:00 do día seguinte en Santiago de Compostela co secretario xeral técnico da consellería de educación e convídanos a asistir. Despois de moito mirar e remirar a forma de que algunha de nós puidera asistir á xuntanza en Santiago tivemos que desistir e contestar que non poderíamos ir. Dun día para outro e nun horario tan complicado, foi imposible para calquera dos membros desta directiva. De todos xeitos pedímoslle á concelleira que tivera a amabilidade de expresar no noso nome as prioridades actuais das familias do centro e que eran requisitos, na nosa opinión, innegociables e moi xustos.

---------------------------------------------------------------------


A finais de maio, a dirección do centro confirma que o servizo de comedor comezará en setembro e que a consellería non vai subir a cantidade proposta, pero explican que as bonificacións poden realizarse, xa que non todo o alumnado as precisa. O alumnado con máis renda pagaría o prezo total do menú, 4'5€, mentres que o resto pagaría en función das súas rendas, tal e como establece o anteriormente citado DECRETO 132/2013, do 1 de agosto.

---------------------------------------------------------------------


O día 8 de xuño e despois de solicitar á concelleira o resultado desa xuntanza, fainos chegar a seguinte información:


---------------------------------------------------------------------


A poucos días do remate do curso, este é o aspecto do comedor escolar do centro:








---------------------------------------------------------------------

O día 28 de xuño no Consello Escolar a concelleira de ensino fainos saber que aínda non está rematada a sala que será o comedor. Faltan a plancha de aceiro inoxidable e o módulo de fregadeiro/microondas. Xefatura Territorial comprometeuse a poñer estes dous elementos ademáis do mobiliario de comedor, pero agora o xefe territorial di que non lembra ter dito iso. A dirección do centro podería facerse cargo da plancha de aceiro e a empresa de cáterin do resto a cambio dun contrato xeitoso, máis a concelleira informa que posiblemente non poderán sacar a concurso o cáterin en setembro, polo que terán que contratar unha empresa por un mes que, por suposto, non porá módulo nin mobiliario, así que non saben onde vai sentar o alumnado para comer.
Por outra banda, fixémoslles saber que considerabamos que faltaban remates na sala de comedor , ao que respostaron que non lle faltaba nada que non esixira sanidade.
 
---------------------------------------------------------------------