xoves, 17 de marzo de 2011

O QUE NOS FALTABA: O CEIP FERMÍN BOUZA BREY QUEDA SEN XIMNASIO

O derradeiro martes 14 de marzo, cando os cativos de 1º de primaria dispoñíanse a dar clase de Educación Física, atopáronse con numerosas pingueiras que alagaban o parqué do seu pequeno ximnasio.
Non puideron levar a cabo a súa materia favorita ese día, debido á chuvia e a non ter un patio cuberto.

O grave problema da cuberta do ximnasio, levámolo denunciando dende hai tantos anos coma levamos reclamando as melloras tan necesarias para o noso centro.

No noso ximnasio practican deporte medio centenar de escolares á vez (dúas unidades) por non dispor de máis espazo para esta materia e tendo ademais o dobre de alumnos/as para o que foi destinado.
Non só ten unha cuberta que non cubre e un dobre teito que agora mesmo corre o risco de derrube por posibles bolsas de auga, senón que ademais o chan de madeira está tan deteriorado (40 anos de uso continuado) que con estes charcos formados polas pingueiras pódese abrir baixo os pés de calquera cativo.

Con todo isto, o Concello só reaccionou cando onte o noso alcalde quedou sen argumentos ante as evidencias fotográficas do lamentable estado do centro que lle mostrou na rúa unha reporteira de informativos dunha importante cadea da televisión estatal.
Segundo testemuñas que se atopaban na zona, o Sr. Solla, animou á reporteira a que sacara no seu programa "o Corpus que é moi bonito e non esas cousas tan feas" referíndose ao estado do CEIP Fermín Bouza Brey.

Ante tanta desvergoña os pais e nais non podemos máis que seguir en pé de guerra esixindo unha educación de calidade, xa que cada día se confirma que estes políticos tanto da Xunta coma do Concello, non son nosos amigos nin están do lado da cidadanía como nos queren facer crer, senón que lles importan ben pouco os cativos dos colexios públicos da nosa vila e o demostran cada día.

Ningún comentario: