sábado, 22 de xaneiro de 2011

Valoración dos actos de protesta na vila de Ponteareas

A ANPA Tea do CEIP Fermín Bouza Brey, e a Federación de Asociacións de Nais/Pais de Centros Públicos de Ponteareas (FANPO),

INFORMAN:

Que na pasada xornada do 21 de xaneiro, deuse cita diante do Concello a Comunidade Escolar de Ponteareas convocada dende a FANPO, a fin de percorrer as principais rúas da vila nunha manifestación que pretendía facer chegar ás Administracións o noso descontento. Este acto se considera o de maior afluencia realizado ata o de agora.
Do mesmo xeito foron convocados os paros escolares dos alumnos do CEIP Fermín Bouza Brey que se fixeron os días 18 e 20 de xaneiro, que foron secundados por 509 e 514 alumnos respectivamente neste Centro, e polos alumnos do CRA “A Picaraña” (Centros escolares do Rural de Ponteareas) que de 123 alumnos matriculados, faltaron un total de 91 e 96 nenos/as.
Valorando todos estes datos, o balance destas xornadas e claramente de apoio de toda a cidadania e forzas sociais de Ponteareas, ante a demanda dos pais e nais dos Centros Públicos do concello ante as Administracións tanto local como Autonómica de que é necesario a Reforma Integral do CEIP “Fermín Bouza Brey”, o mantemento continúo dos outros centros escolares e a desmasificación dos Colexios de Infantil e Primaria coa construcción dun novo CEIP.

Queremos enviar un mensaxe alto e claro ao responsable da Xefatura territorial, que fai as súas declaracións en prensa en vez de convocarnos para solucionar todos os problemas que ten a comunidade educativa no Concello de Ponteareas; que utiliza uns datos irreais completamente debido a un descoñecemento total das infraestructuras dos centros que supostamente son responsabilidade súa.
A Educación só lle interesa aplicar as ratios totais nas aulas, sen decatarse que éstas teñen que axustarse ás necesidades educativas dos nenos/as, aos agrupamentos de nenos con diferentes idades nos centros de infantil do rural (nunha mesma aula habería nenos de 3, 4 e 5 anos) e tamén ao espacio físico que ocupan.
Nesta vila, temos centros con aulas onde físicamente non caben máis de 10 nenos. Descoñecendo toda esta realidade, entón si que se poden facer esas valoracións.
Ainda así, se ao Xefe territorial lle saen 301 vacantes no concello, con só facer unha rezonificación, xa pode aforrar tamén os cartos que custa facer o aulario novo.

Decir tamén dende a FANPO, que a unidade da comunidade escolar na vila é total, ainda que se queira facer ver o contrario. Dende o colectivo do profesorado do CEIP “Fermín Bouza Brey”, xa se había posto en coñecemento da Consellería de Educación e O.U. en abril de 2008, a necesidade de reforma integral do Centro e masificación que tiña nese momento. Na actualidade, tres anos despóis, a degración e moito maior e a masificación empeza xa a afectar a outros centros que teñen xa a ratio completa, e uns servizos que son para un número inferior de alumnos/as.
Neste momento a Comunidade Escolar e todos os colectivos sociais da vila estamos aunados nunha mesma dirección e seguiremos facendo escoitar a nosa única voz en todos os frentes que se poidan abrir.

Damos as grazas a todos os que adicaron numerosas horas e traballo a facer posible estas convocatorias, e sobre todo a todas aquelas persoas (afectados ou non) que dispuxeron do seu tempo para asistir á manifestación ou apoiar os paros escolares.

Queremos resaltar a importancia de todos aqueles que prestaron a súa colaboración, ainda que o seu traballo en algunhas ocasións, como a pegada de carteis foi boicoteada, e éstes foron retirados pola algunha man negra.

Seguiremos traballando para que as persoas responsables en cada ámbito nos escoiten e vexan a necesidade de recibirnos e atender as nosas peticións debidamente, e si esto non fora así, botaremos man novamente das movilizacións.

Ningún comentario: