sábado, 25 de abril de 2009

O CONCELLO DE PONTEAREAS NON PAGA O QUE PROMETEU ÁS COMPARSAS DO C.E.I.P. FERMÍN BOUZA BREY QUE PARTICIPARON NO ENTROIDO 2009

O Concello de Ponteareas débelle ás comparsas do C.E.I.P. Fermín Bouza Brey a cantidade de 200 €, por participar no Entroido 2009 da vila.

Na páxina web do Concello do día 16 de Febreiro, pódese ler: “As bases do concurso establecen que cada comparsa – que deberá contar cun mínimo de 20 membros– recibirá do Concello unha axuda económica de 100,00 €.”

Os rapaces e rapazas que o día 22 de Febreiro formaron parte destas dúas comparsas da escola, inscribíronse no Concello e coa axuda dos seus profesores e pais, deseñaron e fixeron os disfraces, desfilaron e cantaron as súas coplas no escenario da Praza Maior; e todo isto coa ilusión de recibir eses cartos para empregalos na excursión de Fin de Curso.

Logo de máis de dous meses, aínda eses cartos non foron recibidos polos responsables das comparsas. Neste tempo, tanto os organizadores coma a directiva do A.N.P.A., lembráronlle en varias ocasións ó Concello a necesidade dos cartos ante a inminente excursión, pero o único que recibiron a cambio, foi sempre a mesma mentira: “mañá o ingresamos”, “ó vindeiro luns o ingresamos”, “non vos preocupedes que en dous días tédelo na conta”. Incluso recibiron estas palabras de boca da mesma Nava Castro.

Na mesma páxina web do Concello pero no día 25 de Febreiro sinalan “que tódalas comparsas recibiron 200 euros en concepto de participación e o Concelleiro de Cultura valorou como un autentico éxito a participación e comprometeuse a que a súa concellería porá a disposición dos participantes mellores premios en próximas edicións.”, e no día 27 este mesmo conselleiro, Andrés Sampedro, engadiu que seguirá traballando “de cara a incentivar, aínda máis, a participación de asociacións e colectivos nesta festa tradicional”.

A A.N.P.A. do Bouza Brey considera unha grave falta de respeto o engano ó que son sometidos os alumnos participantes deste evento e reitera a súa petición ó Concello de que cumpla coas bases do concurso que eles mesmos impuxeron.

Ningún comentario: