O Goberno central e os autonómicos, utilizando como escusa a crise económica, seguen recortando os recursos económicos e humanos do noso sistema educativo, malia que esta política de axustes non está logrando os obxectivos de aforro que di perseguir como amosan os datos de déficit e débeda pública.
Xunto aos recortes, estanse levando a cabo unha serie de reformas, como a LOMCE, o Real Decreto de Bolsas e Axudas ao Estudo, o Decreto de Comedores que desvincula do transporte escolar o dereito ao comedor, o desmesurado incremento das matriculas universitarias que, na nosa opinión, supoñen a volta a un sistema baseado na selección do alumnado para que o progreso nos estudos estea condicionado, con carácter xeral, ao nivel social e ás posibilidades económicas das súas familias, expulsando do sistema a toda aquela persoa que non encaixa nun perfil prefixado ideoloxicamente.
Ademais, os nosos actuais gobernantes empéñanse en ignorar a opinión dos cidadáns e estes, á súa vez, seguen amosando un rexeitamento frontal a esta política de recortes e contrarreformas como veñen a demostrar os resultados da "consulta cidadá pola educación" que se está a desenvolver nestes días. E isto é así porque sufrimos os graves prexuízos que se están producindo á educación pública, que serán moito peores a medio e longo prazo.
Nin os recortes, nin as reformas que se están implementando van resolver os problemas que temos. Todo o contrario, de continuaren por este camiño os problemas que temos agravaranse e, ademais aparecerán novos problemas que nos conducen a unha sociedade con menos cohesión social e máis desvertebrada. Unha sociedade que permite a destrución do seu potencial humano, renunciando á mellor educación de todos os seus integrantes, é unha sociedade sen futuro. Unha sociedade que faga da educación unha mercadoría, que aposte pola privatización de todo o público, pola pelexa entre os cidadáns para aplicar o "sálvese quen poida", é unha sociedade doente que está abocada a un suicidio social colectivo do que tardará, no mellor dos casos, varias décadas en recuperarse. Mentres, varias xeracións de cidadáns estarán condenadas ao fracaso e a convivir sen un presente e un futuro dignos.
É un auténtico ataque ao noso modelo social e de progreso que unha sociedade democrática non pode consentir sen renunciar á súa liberdade e os seus dereitos. Non podemos resignarnos, unha educación de calidade é imprescindible para mellorar a sociedade na que vivimos e para contribuír na conquista real e a extensión dos dereitos fundamentais sobre as que se asintan todas as sociedades democráticas.
É por iso que forma parte do noso deber denunciar e mobilizar á comunidade educativa contra a intención de destruír un modelo educativo de calidade e equidade que teñen os gobernos autonómico e estatal e polo que facemos un chamamento á sociedade para que participe nas mobilizacións que se convocan agora e en adiante, para mostrar o noso rexeitamento á LOMCE e aos recortes en todas as ensinanzas e etapas, á que están chamados todos os sectores, alumnado, familias, docentes e persoal dos centros educativos e universitarios.
Diante desta situación, o sector educativo seguirá mobilizándose e esixindo aos gobernos que se atendan as demandas da Comunidade Educativa para resolver os problemas que temos e abordar as reformas necesarias para mellorar a calidade do noso sistema educativo.
Por iso, a ANPA Tea esixe que cesen todos os recortes educativos, do mesmo xeito que esiximos o cese do resto de recortes sociais.
De igual modo, esixe que se incremente o número de bolsas e a súa cuantía; que se recuperen os programas educativos que demostraron o seu éxito nos últimos anos, en definitiva que se recupere o nivel de investimento educativo.
Esiximos que se retire a LOMCE e que se inicie un proceso de diálogo e procura de solucións conxuntas coas organizacións representativas da Comunidade Educativa que dote de estabilidade ao sistema, desde a Educación Infantil ata a Universidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario