luns, 4 de xuño de 2012

Campamento de Verán

A ANPA Tea do CEIP Fermín Bouza Brey organiza un campamento en horario de mañán no propio centro. As inscripcións poden ser por mes completo ou por quendas. O grupo mínimo será de 15 nenos/as.

IDADE: de 3 a 12 anos.
DURACIÓN: do 2 ao 31 de xullo (en dúas quendas).
HORARIO: de 09:00 a 14:00.
ACTIVIDADES:
  • Obradoiros de reciclaxe creativo, medioambientais, xogos tradicionais.
  • Actividades circenses e clown.
  • Xogos de auga.
  • Baile moderno.
  • Cociña creativa.
TARIFAS: 100€ mes completo // 50€ quenda.
DATA LÍMITE INSCRIPCIÓN: 11 de xuño.

Poden recoller as follas de inscripción no local da ANPA o luns 4 de xuño pola mañán ou o martes 5 de 16:00 a 17:00. Para entregalas, no buzón da ANPA sito ao carón da porta do centro.
Calquera cuestión, non dubiden en poñerse en contacto con nos, estamos para axudarlles.

xoves, 31 de maio de 2012

ALUMNADO DO CEIP FERMÍN BOUZA BREY DE PONTEAREAS CONSEGUE IMPORTANTES POSTOS EN REPUTADOS CONCURSOS DE MATEMÁTICAS E XADREZ


A ANPA Tea felicita a todos os participantes nas distintas competicións celebradas nos derradeiros días e destaca o esforzo dos alumnos e alumnas do CEIP Fermín Bouza Brey. Estamos orgullosos do nivel de participación do noso centro e vemos como nosa obriga salientar a formación educativa que o alumnado recibe nos CENTROS DE ENSINO PÚBLICO.

XXIV Peón de Oro é un Torneo do Circuito Escolar. Celebrouse en Mondariz Balneario o 19 e 20 de maio. Na categoría prebenxamins, o 3º posto e trofeo de Peón foi para Daniel Lorenzo e o 4º posto e trofeo de Peón foi para Rubén Tielas.

O Campeonato Zonal de Pontevedra Sur xugouse en decembro de 2011 en Nigrán, foi organizado polo club de xadrez Laroca. Na categoría prebenxamins o 3º posto e trofeo foi para Daniel Lorenzo.

No Torneo III Pontexadrez ao aire libre (Torneo do circuito escolar) xogado en Pontevedra o 29 de maio e organizado pola Escola Provincial de Xadrez na que participaron más de 300 xogadores/as, Rubén Tielas quedou no posto 10º na súa categoría (prebenxjamins).

Por outra banda, no XII Rebumbio Matemático celebrado en A Coruña con participantes de toda Galicia, Iago Barros Domínguez, Anxo Fernández Costas e Marta Varela Varela de 6º curso acadaron un terceiro posto na fase final do concurso.

Aínda que os e as protagonistas, para nos sempre son os nenos e nenas, queremos felicitar a Félix, Isabel, Ángeles, Hortensia e Yudania, que como mestre e mestras, conservan a ilusión que lles permite conquerir a súa labor profesional e demostrar a calidade de ensino que levan a cabo na Educación Pública.

venres, 18 de maio de 2012

FOLGA XERAL DO ENSINO 22M


Pomos no seu coñecemento que na Asamblea Xeral Extraordinaria da FANPO (Federación de ANPAs de Centros de Ensino Públicos de Ponteareas), celebrada o 26 de abril e a cal pertencemos, acordouse o apoio ás Plataformas pola Defensa do Ensino Público e as súas mobilizacións.

Este apoio se produce debido ao rexeitamento da Comunidade Escolar á aplicación do Real Decreto-Lei 14/2012, publicado polo goberno do Estado, e a esixir da Consellería de Educación que non aplique en Galicia ningún dos recortes contidos neste RD Lei e que recorra ante o organismo competente a invasión de competencias que en materia de ensino ten a Xunta de Galicia.

Estes recortes afectarán nos Centros do noso Concello producindo:

  • Masificación dos alumnos nas aulas.
  • Reducción do número de profesorado, polo que se verán obrigados a impartir materias diferentes a súa especialidade.
  • Non substitución das baixas dos profesores ata despóis de dúas semanas, ainda que a baixa sexa de longa duración.
  • Se paraliza a implantación de novos ciclos de F.P. (Tan necesarios en Ponteareas).
  • Incremento de requisitos para acceder ás Bolsas de Estudos.
  • Incremento das taxas universitarias, nalgunhas titulacións ata un 50% máis.
  • Orzamentos para investigacións universitarias mínimas ou casi nulas.
É por todo isto que pensamos que dende o colectivo de PAIS/NAIS, debemos facernos escoitar e REXEITAR totalmente a implantación destas medidas, así como calquera recorte orzamentario que pretendan aplicar, xa que consideramos que neste intre os recursos son totalmente insuficientes.

Solicitamos pois, o apoio masivo da Comunidade Escolar a fin de asistir á Manifestación organizada pola FANPO, que sairá o vindeiro martes día 22 de maio a partires das 20.00 horas dende o Concello cun percorrido polas rúas principais de Ponteareas, independentemente de que os distintos sectores do ensino (alumnado, profesorado, persoal non docente) secunde ou non a xornada de folga convocada por algúns dos sindicatos para ese día.

luns, 14 de maio de 2012

Camisolas 6º

Pensando no fin do curso actual e para que os nenos e nenas de 6º teñan unha lembranza do seu paso polo noso centro, a ANPA Tea porá a disposición do que o desexe, unha camisola conmemorativa coa fotografía de todos os compañeiros/as da clase. O custo será de 6 € para os socios e de 12 € para os non socios. Pregamos que os cartos sexan enviados polos nenos e se recollerán os días 18 e 21 de maio durante o recreo na aula prefabricada.

mércores, 28 de marzo de 2012

Folga Xeral 29M

Informamoslle que o vindeiro xoves 29 de marzo, hai convocada unha folga xeral en todo o estado español, polos principais sindicatos (CCOO, UGT, CIG, CUT, CNT, etc...).
Asimesmo, queremos facer fincapé en que o persoal docente do centro, máis os conductores/as de autobús teñen o dereito de facer folga sen comunicalo con antelación, polo tanto non se pode asegurar que os alumnos/as vaian dar as súas actividades lectivas con normalidade. O centro estará aberto cos servizos mínimos.

A directiva desta ANPA apoia a folga xeral e adhírese ao manifesto de CEAPA, xa que compartimos a preocupación polo futuro dos nosos fillos e da xeración que conforman. Pregámoslle uns minutos para ler o manifesto:

CEAPA (Confederación Española de Asociaciones de Padres y Madres de Alumnos) apoia esta convocatoria diante da preocupación polas condicións de vida que poidan ter os nosos fillos e fillas cando cheguen a unha idade adulta e ante o temor de que no futuro se incorporen ao mercado laboral nunhas condicións moi precarias.

A Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (CEAPA) apoia a convocatoria de folga xeral de CCOO e UGT, polo que fai un chamamento aos pais e nais para que ese día non leven os seus fillos ao colexio. Non obstante, pide que os centros educativos ofrezan uns servizos mínimos para que os fillos das persoas que non queiran secundar a folga poidan ser atendidos. CEAPA apoia esta convocatoria diante da preocupación polas condicións de vida que poidan ter os nosos fillos e fillas cando cheguen a unha idade adulta e ante o temor de que no futuro se incorporen ao mercado laboral nunhas condicións moi precarias.

Os contratos de formación que o Goberno aprobou condénanos a un máis ca probable salario do 75% do mínimo interprofesional ata os 33 anos. Moitos encadearán contratos temporais de preto dun ano con despedimento libre. Tras once meses de traballo, serán enviados ao paro para así non lles pagar as vacacións, e logo, contratalos de novo. Non terán cotizado o suficiente como para acadar unha xubilación digna. Que valores lles imos transmitir aos nosos fillos e fillas?, que exemplo lles imos dar se os especuladores, todos aqueles que xogaron á economía do casino, saen totalmente indemnes das súas actuacións, moitas veces delituosas, e a quen vive honradamente do seu traballo lle recortan dereitos e queda en situación de indefensión?

Tampouco podemos aceptar como algo irremediable e ao que teñamos que resignarnos, que os nosos fillos e fillas formen probablemente unha xeración que vaia vivir peor ca os seus pais e con poucas expectativas de progreso na vida. O actual modelo provocou que o desemprego xuvenil chegue ao 50%. Cando a economía do país se atopaba nun ciclo expansivo, en liñas xerais, os nosos fillos tampouco tiñan un futuro moi esperanzador, o que ten que ver co modelo de sociedade que estamos construíndo. CEAPA fai un chamamento á reflexión sobre a que modelo de sociedade aspiramos, para acadar certos consensos sobre cara a onde desexamos ir. Non queremos unha sociedade que entroniza o diñeiro, que relega o traballo e a educación e á vez prioriza a especulación e o enriquecemento rápido, o que converte a cultura e o ocio en artigos de consumo. Temos que construír outro modelo de sociedade. Pedímoslle ao Goberno que actúe contra os que provocaron principalmente esta crise económica, e que dea marcha atrás a unha reforma laboral que mete a cidadanía na espiral de empobrecemento e precarización ocasionada por esta crise e polas políticas económicas do Goberno de España e dos Gobernos da Unión Europea.

venres, 16 de marzo de 2012

Concurso de redacción/debuxo: ÉRASE UNHA VEZ A MIÑA ESCOLA.


BASES:

  • Todos os alumnos/as do centro poden participar.
  • Dende 3º ata 6º se presentará un texto, e infantil, 1º e 2º presentarán un debuxo ou "collage".
  • Cada concursante participará cun só traballo do tema proposto.
  • Os escritos ocuparán unha páxina e, por suposto, en galego.
  • Os traballos serán presentados na lámina proporcionada pola A.N.P.A. Tea.
  • Calquera traballo que non cumpla algún dos requisitos aquí mostrados, quedará fora de concurso.
  • Os traballos se dividirán en catro ciclos: infantil, 1º, 2º e 3º ciclo de primaria.
  • Cada ciclo optará a tres premios otorgados aos tres primeiros postos.
  • Todos os participantes terán un agasallo polo sinxelo feito de participar.
INFORMACIÓN:

As láminas poderán recollerse os luns 19 e 26 de marzo de 09:00 a 10:00, e os martes 20 e 27 de marzo de 16:00 a 17:00 no local da A.N.P.A. A lámina para os non asociados terá un custe de 1 €, sendo de balde para os asociados.
Data límite de recollida de láminas: 27 de marzo de 2012.

A entrega de traballos será tamén no local da A.N.P.A. os luns 16 e 23 de abril de 09:00 a 10:00, e os martes 17 e 24 de abril de 16:00 a 17:00.
Data límite de entrega de traballos: 24 de abril de 2012.

A entrega de premios sería na semana do Teatro, na que tamén se celebra o día das Letras Galegas (día por determinar co persoal docente).

xoves, 12 de xaneiro de 2012

O aulario interminable

A asociación de nais e pais Tea, do C.E.I.P. Fermín Bouza Brey destaca unha vez máis, a lamentable xestión tanto da Xunta coma do concelleiro de educación, Andrés Sampedro, neste novo capítulo da traxicómica educación en Ponteareas.
Estes dous “políticos” volven demostrar a pouca seriedade coa que levan a cabo o seu labor, pagado por todos nos, e a reiterada falla de respecto aos pais e nais que cada día levamos aos nosos cativos a un centro onde esperamos que teñan un mínimo de calidade educativa.
Estamos convencidos de que nos toman por tontos cando nos din que: “o aulario estará acabado para septiembre”, e en setembro nos din: “o aulario estará acabado en diciembre, seguro”, e logo, en decembro nos aseguran unha vez máis: “nos comprometemos a terminarlo cuando los niños vuelvan a clase en enero” e agora chega xaneiro e aínda non se rematou, como non...

En distintas ocasións, técnicos e responsables de distintas administracións, fixeron visitas ao aulario en construcción sen contar coa ANPA. A derradeira foi nas vacacións de Nadal, onde o concelleiro e o xefe territorial se pasearon polas instalacións avisando tan só á prensa.

Lembremos que este aulario comezouse varios meses despois da data marcada pola Xunta, na que somentes se puxeron os valados de seguridade. No derradeiro Consello Escolar Municipal, o concelleiro de Educación e presidente do citado Consello, informou que este retraso debíase a problemas técnicos, pero á pregunta de porqué estivo parada a obra durante os meses de agosto e setembro e se tiña algo que ver coa nova liña ampliada no centro concertado Santiago Apóstol, o concelleiro respondeu diante dos alí presentes que non tiña nada que dicir.
Lembremos tamén que no Consello Escolar Municipal anterior e co acordo de todos os coletivos representados, creouse unha Comisión de Seguimento das Obras. Comisión que nunca foi avisada das visitas ao aulario, aínda que o concelleiro si que lles avisou, mediante escrito entregado en man, da imposibilidade de visitar o aulario dado o carácter “alleo a obra” dos membros desta Comisión.

Con todo isto, á ANPA deste centro, somentes lle queda informar da marxinación que sofren tanto pais coma alumnos por parte das distintas administracións do ensino, que deixan fora premeditada e reiteradamente á parte máis importante da Comunidade Educativa.